As Festas do Cristo do Porriño traen máis de 100 eventos e actividades no mes de setembro, moitas delas deportivas. Hoxe o Club Balonmano Porriño abre a serie de presentación dos clubs deportivos do concello para esta tempada. A base fará unha exhibición a partir das 18:00 horas na praza do Arquitecto Antonio Palacios.
O obxectivo é dar visibilidade aos clubs e á súa labor deportiva e social especialmente cos rapaces e rapazas e, deste xeito, animar á rapazada e aos seus pais e nais a que formen parte dalgún dos clubs. “Practicar un deporte é unha maneira moi boa de socializar, aprender o traballo en equipo, o valor do esforzo e da recompensa -que non ten que ser gañar un partido, senón pasar un bo rato e facer amigos”, salienta Abel Estévez, concelleiro de Deportes. Alejandro Lorenzo, alcalde, anima “a toda a mocidade a facer deporte e gozar de todo o bo que nos aporta”.
Nos vindeiros días veremos exhibicións da Unión Deportiva Atios (mañá, 17), do Club Deportivo Pontellas (mércores, 18) e do Club Patín Porriño (venres, 27).
Ademais, a praza do Arquitecto Antonio Palacios acollerá o Torneo de Baloncesto 3×3 as tardes dos días 25 e 26 de setembro.
Toda a programación deportiva e cultural das Festas do Cristo pódese consultar na web do Concello ecultura.net.