O vindeiro domingo, 6 de agosto, Chenlo celebrará a “IX Festa do Cabrito ao Espeto”. O campo de fútbol, en Chan da Carreira, será o escenario deste evento que permite recuperar a forma tradicional de cociñar o cabrito nesta zona.
A implicación de todos os vecinos que participan na organización consiguen que, na súa novena edición, a Festa do Cabrito de Chenlo sexa xa un referente na provincia. Dende a organización esperan repetir o éxito das pasadas e recibir a unhas 2.000 persoas .
A partir das 11 da mañá terá lugar unha degustación de pinchos, e dende primeira hora, a comisión organizadora comezará a asar os cabritos que, arredor da 1 e media da tarde, se servirán na comida popular.
Os prezos serán os mesmos da anterior edición: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ a ración de churrasco, 180€ un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito. Todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e un pedazo de rosca.
Durante toda a xornada amenizará a festa un grupo de gaiteiros e, xa pola tarde actuará o grupo musical ‘3.COM’ e levarase a cabo o sorteo dun Cabrito dos Cabreiros de Chenlo e varios agasallos entre todos os asistentes.
O evento completarase coa Ruta Cabalar que se desenvolverá pola tarde, a partir das 5, e a actuación musical e dj Mark Novo.