A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e a Concellería de Educación promoveron un ciclo de charlas de prevención da violencia sicolóxica dirixidas a mozas e mozos, alumnos dos centros de ensino secundario que se están a impartir durante esta semana.
Hoxe, a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiu ao IES Pino Manso para seguir unha desas charlas que imparten Elena Gómez Amoedo, técnica superior en promoción de igualdade de xénero; Daniel Rodriguez González e Tania González Iglesias, funcionarios adscritos á unidade de policía xudicial de violencia de xénero en O Porriño.
A concelleira faloulles ás mozas e mozos de que presten “moita atención ás recomendacións destes técnicos e que ao menor indicio ou síntoma de que poidan estar sendo obxecto de violencia psicolóxica que reaccionen denuncien”.
O obxectivo destas charlas é formar os alumnos e alumnas na problemática da violencia de xénero e facilitarlles ferramentas para a detección, a prevención e a intervención fronte aos malos tratos físicos e psicolóxicos á muller, especialmente por parte das súas parellas. Así mesmo, abordase a problemática dos malos tratos no noivado e entre adolescentes.
As charlas están a desenvolverse nos centros IES PINO MANSO, IES RIBEIRA DO LOURO, CPR STO. TOMAS e CPR HNOS. QUIROGA. En total serán 97 as alumnas e alumnos participantes, con idades entre os 14 aos 16 anos.