O Centro Cultural acollerá o 7 de marzo unha charla informativa sobre o documento de instrucións previas organizada polo Centro de Saúde do Porriño coa colaboración do Concello.
 
Esta actividade, que forma parte do proxecto de investigación `Efectividade dunha intervención comunitaria no rexistro do Documento de Instrucións Previas”, ten a finalidade de informar á veciñanza desta ferramenta da que dispón para conseguir que o seu proceso de final de vida transcurra conforme aos seus valores e vontade.
 
“É importante difundir a utilidade deste documento e capacitar á poboación para a toma de decisións anticipadas”, explicou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, “Podemos deixar constancia da nosa vontade e a xente debe sábelo e tamén como facelo”.
 
Mediante o documento de instrucións previas unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e o destino final do seu corpo, co fin de que esta sexa respectada no momento en que por determinadas circunstancias non poda expresala persoalmente.
 
A charla dará comezo ás 19 h e correrá a cargo de dous médicos e un traballador social do Centro de Saúde do Porriño.