Esta mañá, Ceamsa, empresa pioneira na produción de hidrocoloides con sede no Porriño, realizou unha xenerosa doazón de 100 cestas de Nadal ao programa municipal de alimentos SOS Porriño. A entrega tivo lugar nas instalacións do banco municipal e contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e do concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que recibiron os lotes de alimentos da man de Jorge Trigo, responsable de Ceamsa. Pola súa banda, o Concello do Porriño suma 75 lotes máis sendo 175 familias do Porriño as que recibirán esta achega para disfrutar destas datas.
O alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu profundamente este xesto solidario e destacou o compromiso de Ceamsa cos veciños e veciñas do Porriño. “Nestas datas tan sinaladas este tipo de accións teñen moito valor, xa que non só aportan recursos materiais, senón que tamén transmiten esperanza e apoio ás familias que máis o precisan. Ceamsa sempre demostrou ser un exemplo de responsabilidade social empresarial”, afirmou o rexedor.
Pola súa banda, Jorge Trigo subliñou a importancia de colaborar polo benestar das persoas do Porriño, especialmente no Nadal. “En Ceamsa cremos firmemente en devolver á sociedade que nos acolle. Estas cestas son un pequeno xesto co que desexamos axudar un pouquiño nestas datas tan especiais”, sinalou.
As cestas, compostas por produtos típicos das festas do Nadal, destinaranse ás familias atendidas polo programa SOS Porriño, que presta axuda alimentaria ás persoas en situación de vulnerabilidade. O concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, tamén expresou o seu agradecemento e lembrou que “o programa SOS Porriño non sería posible sen a colaboración de entidades e empresas solidarias como Ceamsa. Estas doazóns permítennos seguir axudando a quen máis o necesita”.