Xa está aberto o prazo de inscrición para a proba dos gladiadores e gladiadoras máis novos do Porriño, a Porrigalia Race, que se celebrará o sábado 13 de xullo dentro da programación de Porrigalia 2024.

Trátase dunha carreira de obstáculos para nenos e nenas de entre 3 e 10 anos de idade, con saída na praza Oito de Marzo do casco urbano a partir das 19 horas. Haberá dous recorridos, acordes á franxa de idade: un duns 500 metros aproximadamente para os cativos/as de 3 a 5 anos; e outro duns 800 metros para os de 6 a 10 anos. Cada participante deberá ir acompañado por un adulto e recibirá un detalle ao finalizar a proba.

Down Vigo recibirá doazóns dos gladiadores máis solidarios da Porrigalia

Este ano, aínda que a inscrición é de balde, a proba ten un carácter solidario, xa que desde a organización abriuse unha Fila 0 na fundación Mi Grano de Arena para realizar doazóns en beneficio de Down Vigo. A inscrición previa é obrigatoria para poder participar e o formulario xa está dispoñible en deporticket.com. Desde aí tamén se poderá acceder a páxina da doazón.