O Concello do Porriño organiza este sábado visitas guiadas pola ruta de Antonio Palacios

 

  • Realízanse con motivo da entrega dos premios que levan o seu nome 

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellaría de Turismo, organiza este sábado 14 de xuño dúas visitas guiadas pola Ruta Antonio Palacios, co obxectivo de poñer en valor o legado e o patrimonio que o ilustre arquitecto deixou na súa vila natal.

As visitas, que terán lugar ás 16:00 h e ás 17:15 h, estarán guiadas por unha profesional oficial e están abertas ao público en xeral, con reserva previa e un máximo de 25 persoas por grupo. O punto de partida será nas escaleiras da Fonte do Cristo, a primeira obra de Antonio Palacios no Porriño, que constitúe un símbolo emblemático da súa pegada arquitectónica na vila.

Esta actividade enmárcase na programación especial organizada con motivo da entrega dos Premios Antonio Palacios, unha iniciativa do Concello que busca salientar a figura dun dos grandes referentes da arquitectura galega e española.

Alejandro Lorenzo, Alcalde do Porriño, destaca que “coñecer a obra de Palacios é comprender parte da nosa identidade. Esta ruta permite achegar o seu legado tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, fomentando o orgullo polo noso patrimonio.”

Pola súa banda, Vanessa Ucha, Concelleira de Turismo, subliña que “estas visitas constitúen unha oportunidade única para redescubrir O Porriño a través dos ollos dun dos seus fillos máis ilustres e para sentir o orgullo polo patrimonio arquitectónico que temos.”

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a cidadanía a participar nesta actividade cultural e divulgativa, que convida a reflexionar sobre o presente coa mirada posta no pasado e a recoñecer a importancia da figura de Antonio Palacios na historia da nosa vila.

O Porriño recibe a visita institucional de ASICOTUR no marco do congreso internacional “conecta e lidera 2025”

  • Delegados e delegadas de 17 países coñeceron o patrimonio, a cultura e os recursos turísticos do municipio, e mantiveron un encontro co alcalde

O Porriño, 28 de maio de 2025.-  O Concello do Porriño acolleu hoxe a visita institucional dunha ampla delegación de ASICOTUR (Asociación Internacional para a Cooperación Turística), que se despraza ao municipio no marco do congreso internacional “Conecta e Lidera 2025”, celebrado en Mondariz Balneario.

A delegación está integrada por representantes de 17 países e forma parte dunha rede internacional presente en 37 estados e composta por máis de 125 delegados e socias/os de honra, con forte presenza nos ámbitos hispano e lusófono. A visita ao Porriño supón unha oportunidade estratéxica para proxectar o potencial turístico, cultural e patrimonial do municipio a nivel internacional.

Durante a xornada, as persoas participantes foron recibidas polo alcalde, Alejandro Lorenzo, nun acto institucional. Posteriormente realizaron a Ruta de Antonio Palacios xunto coa concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, coñecendo de primeira man o legado do insigne arquitecto porriñés, así como outros elementos emblemáticos do patrimonio local. 

ASICOTUR é unha organización sen ánimo de lucro que promove a cooperación turística internacional, o intercambio de experiencias e a creación de proxectos conxuntos, especialmente orientados ao desenvolvemento turístico sostible en países emerxentes. Conta co respaldo de ONU Turismo.

O congreso “Conecta e Lidera 2025”, no que se enmarca esta visita, reúne durante dúas xornadas a expertos e emprendedores de Europa, África e América para debater sobre retos clave no sector, como o emprendemento feminino e xuvenil, a intelixencia artificial, o turismo inmersivo, a cooperación internacional ou novas tendencias como a gamificación e o turismo deportivo. Tamén inclúe obradoiros prácticos, espazos de networking e actividades formativas de alto valor académico.

Desde o Concello do Porriño, valoramos moi positivamente esta visita e agradecemos a elección do noso municipio como parte deste evento internacional. Seguiremos traballando para situar O Porriño no mapa do turismo sostible, cultural e patrimonial a nivel global.

O Porriño celebra o Día Mundial da Abella cunha cata de mel da Agrupación Apícola de Galicia

  • Numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores

O Porriño, 20 de maio de 2025.– Con motivo do Día Mundial da Abella, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo, celebrou esta mañá unha cata de mel organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, co obxectivo de poñer en valor este produto e concienciar á veciñanza sobre a importancia das abellas na conservación do medio ambiente.

A actividade desenvolveuse na Praza do Concello, onde numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello coa divulgación e posta en valor da apicultura como actividade clave para o equilibrio do ecosistema.

A concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “o mel representa un produto de grande valor, resultado dun labor minucioso que cómpre recoñecer. Con esta cata, que contou co apoio da Agrupación Apícola de Galicia, continuamos sumando accións que reforzan a nosa Feira do Mel e promoven o coñecemento sobre o mundo das abellas.”

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo afirmou que “desde o Concello do Porriño seguiremos traballando da man das entidades do sector para protexer o noso entorno e fomentar o respecto pola natureza. As abellas son imprescindibles para a vida, e celebracións como a de hoxe axudan a visibilizar o seu papel fundamental.”

O Concello do Porriño organiza unha viaxe a Madrid para coñecer a obra de Antonio Palacios

  • As persoas interesadas en participar deben inscribirse, de xeito gratuíto, mediante un formulario a presentar no rexistro do Concello do Porriño

O Porriño, 11 de abril de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse esta semana a Madrid para asistir á inauguración da mostra “Madrid Metrópoli. El sueño de Antonio Palacios”, que poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xullo no primeiro andar de CentroCentro. A exposición propón un completo percorrido pola traxectoria arquitectónica de Antonio Palacios, cuxo legado contribuíu de forma decisiva a construír a identidade visual da capital do Estado.

 

Co propósito de compartir esta experiencia coa veciñanza, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo que dirixe Vanessa Ucha, promove unha excursión gratuíta a Madrid. A iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, Turismo e Patrimonio de Madrid e de Metro de Madrid, brindará á cidadanía a oportunidade de coñecer de primeira man o legado deste ilustre porriñés.

 

“É unha oportunidade única para coñecer a fondo a dimensión e o legado dun dos grandes nomes da arquitectura do século XX, artífice dun Madrid monumental con raíces porriñesas”, sinala a concelleira Vanessa Ucha.

 

As prazas serán limitadas e, para participar, será preciso cubrir un formulario de inscrición que se habilitará nas canles oficiais do Concello. Nos vindeiros días faranse públicas as datas concretas das saídas, os prazos de inscrición e todos os detalles da viaxe.

 

Esta actividade forma parte do programa conmemorativo do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, iniciado o pasado ano. “Queremos tender pontes entre O Porriño e Madrid, amosarlles aos nosos veciños e veciñas o soño de Palacios e involucralos nesta celebración que une dous territorios a través da cultura e da historia”, destaca o alcalde Alejandro Lorenzo.

 

Con iniciativas coma esta, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural e co recoñecemento das figuras máis senlleiras da nosa historia, promovendo o coñecemento, o orgullo local e o acceso da cidadanía á cultura.

O Porriño impulsa o seu turismo cun enfoque fresco e dinámico

 

  • Desde celebracións tradicionais ata rutas culturais, o Concello soubo aproveitar a súa riqueza para posicionarse como un destino interesante, especialmente para aqueles peregrinos que transitan polo Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa

O turismo no Concello do Porriño consolidouse nos últimos anos como un dos piares clave para o desenvolvemento económico e cultural do municipio. A través de diversas iniciativas ao longo do último ano, a concellería de Turismo logrou poñer en valor non só o patrimonio local, senón tamén dinamizar a economía mediante actividades que atraeron a máis de 4.000 visitantes, a maiores dos máis de 95.500 peregrinos que chegaron ao municipio facendo o Camiño de Santiago. Desde celebracións tradicionais ata rutas culturais, Porriño soubo aproveitar a súa riqueza para posicionarse como un destino interesante, especialmente para aqueles peregrinos que transitan polo Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa.

Vanessa Ucha, a concelleira de Turismo, destaca o enfoque integral e accesible das actividades, que buscan fomentar tanto o turismo como o sentimento de identidade local. “Cada evento que organizamos está pensado para que, ademais de atraer visitantes, podamos sensibilizar sobre a importancia das nosas tradicións e produtos. Este ano conseguimos atraer a máis de 4.000 persoas, que non só se achegaron a coñecer o municipio, senón que tamén participaron activamente na conservación e promoción do noso patrimonio”, explica Ucha.

O apoio ao sector apícola, a valorización do Camiño de Santiago e a celebración de tradicións centenarias foron os eixes das principais actividades. Entre elas, a Festa Apícola destacou como unha das máis innovadoras. O evento logrou reunir a máis de 1.000 persoas nunha xornada que combinou obradoiros educativos e actividades lúdicas, co fin de concienciar sobre a importancia das abellas na biodiversidade e na economía local.

Na Festa do Peregrino e Turismo, a pesar do mal tempo, máis de 500 persoas participaron en obradoiros e visitas guiadas relacionadas co legado do arquitecto Antonio Palacios, deixando claro o compromiso do Concello coa valorización do seu patrimonio e coa atención aos peregrinos que percorren o Camiño. “Estas iniciativas reflicten a nosa vocación de acoller aos visitantes, pero tamén de ofrecerlles unha experiencia auténtica vinculada á nosa historia e tradicións”, comenta o alcalde Alejandro Lorenzo.

A Festa do Pan e as Alfombras de Corpus son outras das grandes citas do calendario, con actividades que promoven o comercio local e a cultura popular. Ambos eventos lograron mobilizar a máis de 1.700 persoas, dinamizando a economía local e facendo que o municipio se dera a coñecer máis alá das súas fronteiras.

Ademais, o Concello tamén se centrou no turismo cultural mediante a creación da Ruta de Antonio Palacios, coa impresión de folletos promocionais que permiten aos visitantes coñecer os edificios máis emblemáticos do arquitecto, unha figura clave para o patrimonio arquitectónico do municipio.

“A Ruta de Antonio Palacios é só un exemplo de como estamos traballando para poñer a Porriño no mapa. A través desta e outras actividades, estamos non só promocionando o noso patrimonio cultural e arquitectónico, senón tamén fomentando a economía local e o emprego”, subliña Lorenzo.

O balance é claramente positivo. “O Concello do Porriño demostrou que, con creatividade, traballo en equipo e unha visión clara, é posible transformar a tradición en motor de desenvolvemento económico e cultural”, engadiu o alcalde.

Así, con a vista posta en novas iniciativas, o Concello continúa o seu camiño cara a un futuro no que o turismo é unha das pezas clave para seguir crecendo. “O noso obxectivo é seguir creando experiencias únicas que, ademais de ser atractivas para os turistas, fortalezcan o sentido de pertenza e orgullo da nosa veciñanza”, concluíu o rexedor.

Este ano, o Concello conseguiu deixar unha pegada tanto nos turistas como nos porriñeses, consolidándose como un destino dinámico que mira ao futuro sen perder de vista as súas raíces.