A Policía Local realizará cortes de tráfico de mañá e tarde nas rúas afectadas polo paso da Volta Ciclista a España

A Policía Local do Porriño anuncia que este sábado 4 de setembro, coa ocasión do paso da etapa da Volta Ciclista a España, realizará cortes de tráfico, en horarios de mañá e tarde, nas rúas afectadas polo paso da carreira.

Como consecuencia deste evento deportivo tamén haberá restricións de aparcadoiro nas rúas afectadas unha hora antes do paso dos ciclistas.

A folla de ruta desta etapa contempla dous pasos polo Porriño. O primeiro será ao redor das 14 horas. A caravana entrará no Porriño pola avenida de Galicia, seguirá pola rúa Domingo Bueno ata o cruzamento coa estrada de Torneiros e logo continuará pola estrada provincial EP-2402 de Torneiros a Mosende.

O segundo paso por Porriño será arredor das 17 horas. Os ciclistas entrarán no termo municipal, procedentes de Gondomar, a través de Chenlo.

Continuarán cara á Abelenda pola estrada PO-331 ata o Cristo de Belén para seguir cara a Mos.

 

Reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”

A concelleira de Festas, Cami Moreira presidiu esta mañá unha reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”, evento organizado polo Concello do Porriño, que volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría.
Xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, asistiron por parte do Concello, el oficial xefe en funcións da Policía Local e o responsable da agrupación de Protección Civil. Tamén participaron mandos da Garda Civil e os responsables da empresa promotora do espectáculo, “Doppler Gestión Cultural”.
“Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de persoas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal dedicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos.
Os protocolos de seguridade, coa experiencia acadada na edición de 2020, son basicamente os mesmos cos engadidos que require o aumento de aforo que haberá este ano. En 2020 houbo 500 espectadores e para este ano haberá 600.

Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17h00, 17h30 e 18h00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.

As entradas para esta edición de Sons da Canteira aínda seguen á venda. Poden mercarse na web sonsdacanteira.gal.
O prezo das entradas é de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas, e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes.

O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumista o twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dancehall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo de gran formato, “Akelarre AVS Extended Show”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.

O luns recuperarase a atención presencial nas oficinas do Concello, sen cita previa, agás en Servizos Sociais

 

A partires do vindeiro luns 2 de agosto, as oficinas do Concello do Porriño recuperarán a atención presencial en todas as dependencias agás no departamento de Servizos Sociais. Nas oficinas de Servizos Sociais manterase un control de aforamento e requirira cita previa para atención, aínda que se simplificará a petición por teléfono ou en persoa.

A resolución adoptouse este mediodía na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que implementou o acordo que tomou o pleno da corporación local na sesión do pasado mércores.

Na reunión da Comisión de Seguimento da Covid que presidiu a alcaldesa, Eva García de la Torre comentáronse as medidas que a Xunta de Galicia aplicará no Porriño, nomeadamente no sector da hostalería, ao atoparse este concello no nivel alto de restricións.

A Comisión decidiu non aplicar medidas adicionais agás o incremento da vixilancia a cargo da Policía Local no mercado ambulante dos martes.

Ao termo da reunión a alcaldesa Eva García declarou o seu malestar porque “de novo sexa o sector da hostalería o que ten que cargar coa maioría das restricións”.

Policía Local e Protección Civil traballan nos preparativos do 54º Rallye Rías Baixas

 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de O Porriño encargarase a partir das nove da noite de hoxe de avisar aos establecementos de hostalería da rúa peonil para que recollan as súas terrazas, a fin de facilitar o valado e sinalización do recinto que acollerá mañá sábado a comitiva de participantes na 54ª edición do Rallye Rías Baixas.
Os voluntarios da agrupación que dirixe Suso Gónzalez “Carrola”, deixarán sinalizado esta noite o recinto que mañá sábado recibirá os tres reagrupamentos de vehículos participantes que están previstos en tres quendas horarias: 11,28 a 11:58; 15,40 a 16:10; e finalmente de 18:54 a 19:09.
A Policía Local, pola súa banda, restrinxirá o tráfico pola rúa Pío XII e prohibirá o estacionamento de vehículos para garantir o acceso dos participantes ao recinto dos reagrupamentos. E xunto con Protección Civil realizarán labores de vixilancia e seguridade no transcurso dos tramos cronometrados que durante a mañá e a tarde do sábado terán lugar polo termo municipal porriñés.
Finalmente Protección Civil tamén colaborará coa dotación do Parque Comarcal de Bombeiros do Porriño en previsión de calquera accidente no que fose necesaria a súa intervención.
O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.

O Concello vende os 23 vehículos municipais en desuso por preto de 8.700€ na segunda poxa

O Concello do Porriño vendeu os 23 vehículos municipais en desuso que permanecían almacenados no recinto do Multiusos de Torneiros desde outubro de 2019, cando se renovou o parque móbil municipal. A pesares de que os vehículos tiñan prezos de saída de saldo (entre 50 e 100 euros) finalmente as ofertas elevaron o prezo de venda. O monto total da venda dos 23 vehículos acadou 8.697 euros (impostos incluidos).

Esta mañá, presidida pola alcaldesa Eva Garcia, a mesa de valoración celebrou a sesión pública de apertura de plicas da poxa que era a segunda que se convocaba polo Concello para a venda destes vehículos.

Entre as curiosidades que deparou o resultado da poxa subliñar que o prezo máis alto foi de 1.550 euros ofertados polo vehículo “Ssangyong Action” con 160.000 quilómetros e que na anterior poxa tiña un prezo de saída de 5.800 euros. Pola contra, unha berlina “Volvo S80” que fora o coche oficial da Alcaldía na época de Xosé Manuel Barros, vendeuse en 536 euros.    

Un bando da Alcaldía lembra aos particulares a obrigatoriedade de solicitar autorización ao Concello para facer, nas súas fincas, fogueiras de San Xoán

O Concello do Porriño informa de que hai un prazo ata as 00:00 horas do mércores 23 para que os particulares interesados ​​en facer fogueiras nas súas fincas, na véspera de San Xoán, presenten as súas correspondentes solicitudes para acadar autorización municipal.
Un bando da Alcaldía lembra as obrigas que deberán observar os solicitantes no que atinxe á montaxe, materiais e localización das fogueiras nos terreos de propiedade privada onde van facerse. Tamén o bando subliña que os solicitantes deben cumprir as normas de prevención contra Covid en propiedades privadas, como a distancia social e o uso dunha máscara, e que se respecte o número de 15 persoas reunidas ao aire libre e 6 se están en interiores.

Deixamos ligazón co texto do Bando en “pdf”

20210618_Publicación_Bando_BANDO 2021

 

 

Protección Civil do Porriño atendeu os tres accidentes de tráfico con camións ocorridos nas últimas horas

A Agrupación de Protección Civil do Porriño atendeu os tres accidentes de tráfico con catro camións e outros vehículos implicados que ocorreron nas últimas horas en tres puntos do termo municipal. Un deles foi na Autovía A-55 pola saída dun camión que impacto contra a mediana.


Outro sinistro foi a colisión entre dos vehículos pesados no Polígono da Granxa na que tamén resultaron afectados outros vehículos como consecuencia do derrubamento dun poste do alumeado público. Neste suceso tamén acudiron axentes da Policía Local do Porriño para levantar o correspondente atestado por danos.


O terceiro accidente atendido polos efectivos de Protección Civil do Porriño foi o envorco dun camión na estrada de Salceda (PO-510) que transportaba un contedor con restos de madeira.


Suso Gónzalez “Carrola”, responsable de Protección Civil Porriño, informou que, precisamente, onte foi o derradeiro día no que estaban a facer prácticas 6 voluntarios que completaron deste xeito a súa formación no curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, realizaron as prácticas dende o 26 de maio cando recibiron a benvida da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, no nome do Concello do Porriño.

Doazón de milleiros de máscaras e luvas feita pola empresa “Dis Rivas” que o Concello distribuirá entre a hostalería e usuarios de Servizos Sociais

A empresa “Distribucións Rivas” fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por “Dis Rivas” será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos “SOS Porriño”.



A alcaldesa Eva García, acompañada da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e do Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron as instalacións de “Dis Rivas” no polígono de Cataboi. José Luis Suárez, director xeral, o seu fillo, Iván Suárez, director financeiro, e Benjamín Castillo, director comercial realizaron a entrega. O encontro serviu tamén para que a delegación municipal coñecera as modernas instalacións desta empresa de distribución que estrearon hai tres meses, e nas que traballan máis de 30 persoas.
A alcaldesa agradeceu a doazón realizada por “Dis Rivas” á veciñanza e eloxiou o traballo realizado por esta empresa que elixiu O Porriño para desenvolver unha forte inversión de máis de 3 millóns de euros.

Dous axentes da Policía Local evitaron un suicidio desde unha ponte no polígono das Gándaras

Dous axentes da Policía Local do Porriño evitaron onte o suicidio dunha persoa que estaba na varanda da ponte de acceso á Autovía A55 co polígono das Gándaras. Grazas á colaboración cidadá recibiuse aviso de que unha persoa estaba agarrada pola parte exterior da varanda da ponte, “con claras intencións de arroxarse cara a vía do tren”, segundo sinala o atestado. Cando a patrulla policial chegou atoparon esa situación e tamén a un grupo de persoas que, a unha distancia prudencial, intentaban convencelo para que non se tirara. Nese intre circulaba un tren por debaixo da ponte.
Os dous axentes actuaron con rapidez e destreza. Mentes un deles empezou a falar coa persoa que pretendía tirarse, o outro policía agarrouno polos brazos e o pescozo para evitar que se lanzase e puideron retiralo da zona de perigo ata que chegou unha ambulancia e tralasdouno ata o Centro de Saúde.
A persoa protagonista desta tentativa de suicidio identificouse como un veciño de Salceda de Caselas, de 47 anos.

A concelleira de Seguridade deu a benvida aos novos voluntarios que realizaran prácticas na Agrupación de Protección Civil do Porriño

Seis voluntarias e voluntarios que realizaran as súas prácticas de formación en atención de emerxencias, comezarán mañá mércores na Agrupación de Protección Civil do Porriño, ás ordes de Suso Gónzalez “Carrola”, responsable da unidade.

Están a realizar o curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, comezaron en febreiro a súa formación teórica que, agora, van completar con as prácticas na Agrupación de Protección Civil do Concello do Porriño.


Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, encargouse de darlles a benvida ao Concello do Porriño onde cada un deles realizarán 120 horas de prácticas atendendo accidentes, emerxencias, servizos de orde en probas deportivas e outros eventos.

Estas prácticas realízanse ao abeiro dun convenio entre o centro de formación CIFP Manuel Antonio, de Vigo, e o Concello do Porriño.

Na presentación dos voluntarios, acompañaban á concelleira de Seguridade, o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, o responsable da Agrupación de Protección Civil, Suso Gónzalez Pexegueiro, e a titora dos alumnos, María del Carmen López, en representación do CIFP Manuel Antonio.