O alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, xunto coa concelleira Soledad Girón e o concelleiro Orlando Márquez, acompañaron este xoves ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, na visita que fixeron ás obras iniciadas pola Confederación, na beira do río Louro ao seu paso pola vila.
O proxecto, que ten un orzamento total de de 62.000€, abrangue varias actuacións en diferentes treitos que suman, en conxunto, máis dun quilómetro de lonxitude e que reforzarán as beiras máis afectadas pola subida das augas nas épocas de choiva.
Para as mesmas empregaranse troncos, estacas verticais, de piñeiro, e a parte superior estará recuberta de terra vexetal que facilitara a reforestación da mesma con especie propias da zona. Así mesmo, haberá unha actuación na senda, que ten partes moi danadas e que, coma lembrou o alcalde accidental, é moi empregada no so polos porriñeses, senón polos peregrinos, dado que a mesma é parte do Camiño Portugués a Santiago.
A actuación da da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estará completada por outras cinco que porá en marcha o Concello do Porriño nas vindeiras semanas para a mellora de camiños, e que contarán cun orzamento duns 45.000€.

Nas mesmas estase a completar o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda de árbores, mellora dos xardíns, arranxo de parques, aviado de pistas e beiravías ou colocación e baldeado de colectores do lixo.
Dentro deses traballos completouse a limpeza de beirarrúas, escaleiras e prazas de Torneiros con maquinaria a presión e chegando a puntos que, subliña a alcaldesa “non se limparan nunca en máis dunha década” e que presentaba un aspecto “lamentable e descoidado e que, maila as constantes queixas dos veciños, nunca se adecentaran”.
García de la Torre subliña que estes traballos seguirán por todas as parroquias, sumaranse aos realizados en diferentes partes da vila, nos que se completan “a diario” labores de desborde, baldeo, corte de céspede, retirada de lixo e moblaxe e varrido.
Así mesmo, axiña estará rematada xa a recuperación e reforma da práctica totalidade dos parques infantís do Porriño, coma os da Praza do Cristo, Centro Social de Atios, os de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os dos centros sociais de Mosende e Pontellas, o de Torneiros, o da rúa Pío XII ou o do Matadeiro, varios dos cales xa están listos para o gozo dos cativos e, nalgúns casos, de maiores, posto que incorporan compoñentes biosaudabeis-como timóns, andadores, volantes ou barras paralelas-, e elementos para persoas con diversidade funcional.