Os concelleiros de Comercio e Emprego apadriñaron a presentación da plataforma “ROOMBO” para reparto a domicilio no Porriño

Os concelleiros, David Alonso, de Emprego e Novas Tecnoloxías, e Sergio Casal, de Comercio, apadriñaron a presentación da plataforma “ROOMBO” de reparto a domicilio que leva funcionando semana e media no Porriño. O seu franquiciado local, Alberto Parada e representantes do sector hostaleiro local asistiron ao acto informativo, celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello.

“ROOMBO” funciona como una aplicación (“app”) que pode descargarse gratuitamente para teléfonos móbiles “IOS” ou “Android”. Permite encargar comida a domicilio e pagar a golpe de “clic”. O reparto faise con tres persoas nun radio de 8 quilómetros e de momento, hai sete establecementos do Porriño adheridos á plataforma que son: “Hamburguesería Alhambra”, “Galibar”, “Pastelería D’Carlo”, “Argentino2”, “Don Kebab”, “Pantera” e “A Tentación”.

O promotor local, Alberto Parada explicou que “é unha plataforma 360, é dicir que estamos abertos non só a restaurantes senón tamén para calquera comercio que desexe incorporarse e utilizar este escaparate para realizar as súas vendas”.

O presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández subliñou que “parécenos unha aplicación moi interesante xa que non ten custe engadido nin require investimento algún e tan só supón un pequeno desconto da comisión que cobra a plataforma”, manifestou o máximo responsable de “AHOSPOR”.

Sergio Casal felicitou ao promotor da plataforma e aos primeiros hostaleiros que se adheriron namentres David Alonso eloxiou “a idea que mellora a competividade dos hostaleiros, a accesibilidade da veciñanza a novos servizos e que ademais crea postos de traballo”.

A deputada provincial de Novas Tecnoloxías visitou a oficina “SmartPeme” do Porriño

Ana María Mejías, deputada provincial de Novas Tecnoloxías realizou hoxe unha visita á oficina “SmartPeme” do Porriño, no Mulitusos de Torneiros. A deputada reuniuse con David Alonso, concelleiro responsable de Novas Tecnoloxías e co persoal de “SmartPeme”.

Concelleiro e deputada valoraron o gran cambio que experimentaron estas accións formativas debido á pandemia e que a impartición dos obradoiros de forma telemática constitúe un gran avance que permite multiplicar a oferta de cursos e a participación de moitas máis persoas.


Nesta semana “SmartPeme” pon en marcha outros catro obradoiros en liña. Hoxe impartirase o obradoiro “Mellora os teus Stories e o seu Posicionamento”, a cargo de Guillermo Nass, TSU en deseñado gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera. Mañá mércores 12 será a quenda de “Infoprodutos: que Son e como Crealos”, impartido pola posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde.
O xoves 13, será o de “Configuración Óptima dun PC segundo a actividade a realizar II”, a cargo do experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire. Por último, o xoves 14 de maio, a enxeñeira técnica en Informática de Xestión Esther Garcinuño, impartirá o obradoiro “Google Analytics para a Toma de Decisións”.