O Concello do Porriño anuncia que o vindeiro venres 10 terá lugar a clásica ciclista “A Nocturna” que contará cunha participación de 250 deportistas distribuídas/os en oito categorías. Esta proba, que se celebra sempre ao abeiro das Festas do Cristo, recupera o seu sitio no calendario ciclista nacional, despois do paro causado pola pandemia en 2020.
A Federación Española de Ciclismo inclúea entre as probas clásicas da categoría elite. Non obstante, o concelleiro de Deportes, David Alonso, anunciou que “o propósito do Concello é acadar que esta carreira sexa declarada unha clásica histórica, tendo en conta as condicións do circuíto e as súas peculiaridades por celebrarse de noite e por eliminación”.
O circuíto no que se celebrará “A Nocturna”, con saída e chegada na praza do Concello, discorre por un percorrido de 1.000 metros polas rúas do centro da vila nas que haberá restricións de aparcadoiro e cortes de tráfico, segundo anunciou a Policía Local. Achegamos unha imaxe co aviso da Policía Local.
A competición comezará ás 18 horas e rematará ás 23 horas. O club ciclista porriñés “Louriña Cycling Team” é o encargado de organizar o evento e o seu presidente, Juan Álvarez, é un dos antigos gañadores desta proba.
Esta tarde celebrouse a presentación do novo disco do grupo KAF!, no Centro Cultural Municipal, coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas do Concello do Porriño. Cami Moreira, concelleira responsable presidiu o acto de presentación deste novo traballo musical deste grupo chamado “Cuando las palabras fallan…”. No acto participaron os catro compoñentes de KAF!: Kiri Cabaleiro, batería, gaita, frauta traveseira, baixo e voz; Ana Belén Rodríguez, piano, key guitar, batería, baixo e voz; Fran Leboso; guitarra, piano, batería, armónica e voz; e Irene Anta, baixo, guitarra, piano, key guitar e voz. Tamén estivo Alex Sobrino, amais de ser o fotógrafo e deseñador da caixa de discos e embalaxes, é o escritor, director e actor de Metamorfose, unha obra teatral de ciencia ficción cuxa banda sonora foi producida por KAF!, e incluída neste disco. Neste intre Alex e KAF!, únense nun novo proxecto artístico, a realización dun vídeo-clip dirixido por Alex Sobrino, onde se conxuga o mundo escénico e o musical. Ana, Fran e Kiri son profesores da Aula de Música Pianagrama de Mos, da que Ana é hoxe a fundadora e directora. E Fran e Kiri levan case dúas décadas tocando xuntos en diferentes bandas. Estes tres artistas da música, reuníanse para acompañar ás bandas afeccionadas que ían xurdindo no seu colexio, isto vai en aumento e pronto aparecen os contratos. Para reforzar a tríade, deciden apostar pola calidade de cancións máis elaboradas, e pensan en Irene Anta para unirse á formación, unha das súas estudantes máis salientables, e así é como chega a exclamación !, formando finalmente a configuración actual, nace KAF! Ata a data, levan máis de 2 anos tocando nun momento difícil, pero agradecidos de non ter parado, grazas a montar concertos en todo tipo de escenarios (sen público para os veciños nos balcóns durante a desescalada, concertos 360o, en liña …). O vindeiro venres 17 de setembro terá lugar un concerto ao vivo, ás 21:00h na praza de San Sebastián, no Porriño para completar a presentación deste novo traballo do grupo KAF!.
A Biblioteca Municipal do Porriño organiza neste mes de setembro dúas actividades para o Club de Lectura, dentro do programa “Ler conta moito”, en colaboración coa Xunta de Galicia.
A primeira actividade será este xoves día 9, a partir das 19 horas, a cargo do artista Avelino González e baixo o título “Contos de contrabando”.
Trátase de actividades de dinamización da lectura que pretenden fortalecer o papel da biblioteca como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
Con este tipo de propostas a Biblioteca Municipal do Porriño promove o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo da súa comunidade, valorando o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.
A alcaldesa Eva Garcia de la Torre, xunto con outras concelleiras e concelleiros porriñeses, acudiron hoxe aos actos de homenaxe a Ian Gibson rendidos polo Festival de Cans. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra tamén asistiu ao coloquio co historiador de orixe británica, asentado en España dende hai moitos anos. Gibson é o protagonista do film “Donde acaba la memoria”, de Pablo Romero-Fresco que onte á noite estreouse nun pase realizado no Centro Cultural Municipal.
Despois do coloquio celebrado hoxe, Ian Gibson completou a colocación da estrela co seu nome que xa luce no Torreiro de Cans.
Dende o martes 14 ata o venres 17 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 horas, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.
Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse a partir das 17 horas do venres 17 de setembro.
As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música. Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.
O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 18.30 horas do venres 17 de setembro ou a partir do día 22 de setembro de 16.30 a 18.30 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.
“Trivium Porriño” será un xogo xigante similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería que dirixe Cami Moreira, que se desenvolverá durante as Festas do Cristo e presentouse hoxe en roda de prensa na Biblioteca Municipal.
A concelleira explicou que se trata dunha réplica adaptada ao Porriño. “A infografía do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida Pan do Porriño”, sinalou Cami Moreira.
Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro (datas de clasificación) e o 2 de outubro será a partida final. En todas as quendas, as partidas serán na Praza do Cristo onde se habilitará un escenario e cadeiras tamén para o público que queira asistir.
Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios serán para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.
Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos máximo contando o porque do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instagram etiquetando co cancelo # TriviumPorriño e etiquetar á páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @ triviumporriño.
A concelleira de Festexos e Cultura apelou a que esta convocatoria “é unha excelente oportunidade para formar parellas interxeneracionais entre avós e netos, por exemplo, que combinen os seus coñecementos da historia, cultura e demais eidos da vidas porriñesa coa habilidade para manexarse nas redes sociais”.
A idade mínima para participar é de 16 anos.
As parellas seleccionadas serán as que acaden máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto que será o 14 de setembro ás 15:00 horas. “A partires de hoxe mesmo, 20 de agosto, poden inscribirse subindo os vídeos ás súas redes sociais etiquetando cos cancelos devanditos para acadar o maior número posible de ‘likes’”, manifestou Joaquín Rodríguez, responsable de “Especialistas Hípica Celta”. Esta empresa colabora coa Concellería de Festexos o desenvolvemento desta nova iniciativa xunto coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño.
Segundo explicaron hai preparadas 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e entretemento.
Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para máis información.
“Trivium Porriño” será un xogo xigante similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería que dirixe Cami Moreira e que se desenvolverá durante as Festas do Cristo.
Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro ( datas de clasificación ) e o 2 de outubro será a partida final na Praza do Cristo. Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios serán para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.
Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos máximo contando o porque do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instragram etiquetando co cancelo # TriviumPorriño e etiquetar á páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @ triviumporriño. As parellas seleccionadas serán as que acaden máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto que será o 14 de setembro ás 15:00 horas. A idade mínima para participar é de 16 anos.
Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para máis información.
A alcaldesa Eva Garcia eloxiou ao Festival de Cans como “distintivo da identidade do Porriño, é de todos nós” e como sinal desa condición referiu o recente acordo unánime da corporación municipal que decidiu dobrar a achega que o Concello outorga para a organización deste evento. Concretamente de 20.000 a 40.000 euros que recibe neste ano.
A rexedora lembrou primeiramente na súa intervención que hai un ano “afrontamos unha situación inédita coa pandemia” e significou que o Festival de Cans “foi quen de ter a valentía de facer unha proposta moi responsable e levar a cabo a edición de 2020, co apoio de institucións e patrocinadores que estivemos ao voso lado”. Eva Garcia sinalou que o Festival de Cans “é tan importante que nós que temos unha vida política tan azarosa e belixerante, especialmente no Porriño, fomos quen de poñernos de acordo de xeito unánime, para duplicar a achega que lle da o Concello ao Festival de Cans”, referiu a a alcaldesa.
Pola súa banda, Cami Moreira, concelleira de Cultura agradeceu a colaboración entre o Concello e a asociación “Arela”, organizadora do certame audiovisual, “polo seu bo dispor”. A concelleira reivindicou que o Festival de Cans “coma a canle que nos transmite coñecementos e ideas, tradicións e costumes que nos identifican como ‘jalpón’, como parroquia, que nos identifican como pobo, como país e como planeta”.
Pola súa banda, Alfonso Pato, director do certame manifestou que este ano o Festival de Cans afronta esta edición coa perspectiva das tres erres: ” Responsabilidade; Resistencia e Rebeldía”. Pato explicou que o Festival de 2021 recuperar espazos tradicionais coma este Torreiro de Cans onde nos atopamos e que volverá reunir coloquios e encontros como o que protagonizará o historiador Ian Gibson, e todo con aforamentos reducidos como faremos cos chimpíns para axeitarnos aos protocolos Covid”, rematou o director do evento. No acto de presentación do XVIII Festival de Cans asistiron Roman Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia que lembrou a importancia deste certame “para o desenvolvemento do audiovisual na nosa comunidade” e Vitoria Alonso, deputada delegada que reivindicou o apoio da Deputación de Pontevedra que “inclúe ao festival de Cans no abeiro do programa Rías Baixas Film Fest que patrocina o organismo provincial.
Adxuntamos díptico coa programación do Festival de Cans 2021
A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Cultura, Cami Moreira presentaron hoxe a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que terá lugar o sábado 28 de agosto. A canteira en restauración de Vilafría, en Atios volverá ser o anfiteatro natural onde se celebrará este evento promovido polo Concello do Porriño e organizado pola productora “Doppler Xestión Cultural”.
Eva García de la Torre animou a “non perder un espectáculo como éste que é impresionante polo escenario e polo son e constitúe un xeito de gozar dun evento diferente e de conservación do propio”, manifestou a alcaldesa do Porriño.
O director do festival, Adrián Fragueiro explicou na presentación do certame aos medios que se realizou hoxe na Biblioteca Municipal, que este ano “facemos unha proposta cun cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada”, manifestou.
Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que sobirán ao escenario da canteira en reconstrucción de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.
Talento galego e unha ponte coa lusofonía
Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailable. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo. E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros compostelanos que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.
A idea do festival foi concibida pola concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, que gardaba na memoria a única e impactante edición do Festival Son da Pedra, en 1995. “O escenario vai cambiando porque a restauración avanza”, explica. “A nivel de escenario musical a canteira é camaleónica. Como recurso económico é moi importante para O Porriño, pero finalizado o proceso hai que devolverlla ao monte”.
Cear durante o festival “como nunha terraza”
As entradas para gozar do espectáculo continúan dispoñibles en sonsdacanteira.gal e tamén os tickets de bus gratuítos (ás 17h00, 17h30 e 18h00), que se adquiren de xeito simultáneo e serán o único modo de acceder á canteira.
Para cear durante o festival haberá foodtrucks no recinto, con opcións veganas e sen glute. Será necesario recargar a pulseira de acceso, que funcionará con tecnoloxía cashless para facer os pagamentos. Como novidade, o festival implanta un servizo de atención en mesa “cunha equipa de camareiros e camareiras, como nunha terraza”, para evitar aglomeracións.
Sustentibilidade
“Sons da Canteira” é un evento que ten sentido no seu territorio polo que ten un compromiso co territorio e coa sustentabilidade para contribuír a que a contorna da canteira de Atios sexa un lugar mellor.
Neste sentido, a responsable de sustentabilidade do festival, María Baqueiro, explicou que se traballou para producir unha pegada de carbono cero. “A sostibilidade non é unha competición, temos que traballar todos os festivais na mesma liña, a da Axenda 2030, ser inclusivos, facer un esforzo de accesibilidade e achegar o máximo valor social e cultural á contorna”.
O vindeiro martes 17, ás 11 horas, terá lugar a presentación da segunda edición do Festival “Sons da Canteira”, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura e Festexos.
O festival previsto para o sábado 28 de agosto, volverá celebrarse na canteira en reconstrucción de Vilafría.
Todos os detalles sobre o Festival, protocolos de seguridade, transporte, actuacións previstas e demais loxística serán explicados o martes 17 de agosto na roda de prensa que terá lugar na Biblioteca Municipal, coa asistencia de Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño; Cami Moreira, concelleira de Cultura; Adrián Fragueiro, director de “Sons da Canteira” e Maria Baqueiro responsable de sustentabilidade do evento.
A concelleira de Festas, Cami Moreira presidiu esta mañá unha reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”, evento organizado polo Concello do Porriño, que volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría. Xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, asistiron por parte do Concello, el oficial xefe en funcións da Policía Local e o responsable da agrupación de Protección Civil. Tamén participaron mandos da Garda Civil e os responsables da empresa promotora do espectáculo, “Doppler Gestión Cultural”. “Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de persoas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal dedicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos. Os protocolos de seguridade, coa experiencia acadada na edición de 2020, son basicamente os mesmos cos engadidos que require o aumento de aforo que haberá este ano. En 2020 houbo 500 espectadores e para este ano haberá 600.
Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17h00, 17h30 e 18h00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.
As entradas para esta edición de Sons da Canteira aínda seguen á venda. Poden mercarse na web sonsdacanteira.gal. O prezo das entradas é de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas, e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes.
O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumista o twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dancehall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo de gran formato, “Akelarre AVS Extended Show”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.