O Porriño intensifica os labores de limpeza no cemiterio municipal de cara ao Día de Todos os Santos

  • O Concello realiza unha posta a punto especial de cara á festividade do 1 de novembro, reforzando os traballos habituais de mantemento que se desenvolven durante todo o ano.

O Porriño, 28 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño está a levar a cabo labores de limpeza e acondicionamento no cemiterio municipal e nas súas inmediacións de cara á celebración do Día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que “estes traballos de limpeza realízanse de maneira habitual ao longo de todo o ano, cunha frecuencia semanal, para garantir o correcto mantemento das instalacións”. Porén, segundo engadiu, “chegadas estas datas, nas que o cemiterio recibe unha maior afluencia de veciños e visitantes, intensificamos as tarefas para que todo estea a punto e o recinto presente o mellor aspecto posible”.

Xunto co concelleiro de Limpeza e Cemiterios, Carlos González, o rexedor supervisou estes días os traballos que están a desenvolver os operarios municipais. As actuacións inclúen limpeza xeral, retirada de maleza, varrido de accesos, mellora das zonas axardinadas e mantemento das instalacións, tanto no interior do cemiterio como nas zonas circundantes. Ademais, dende o Concello tamén colabora co acondicionamento e posta a punto dos cemiterios situados nas diferentes parroquias.

Alejandro Lorenzo destacou que “non se trata dunha actuación puntual, senón dun labor continuo que se vén realizando ao longo de todo o ano para manter o cemiterio nas mellores condicións posibles”.

“Queremos que as persoas que se acheguen estes días a lembrar aos seus seres queridos atopen un espazo coidado e digno, acorde coa importancia desta celebración”, engadiu o alcalde.

O Concello agradece tamén a colaboración e o respecto da veciñanza no coidado e mantemento das instalacións nestas datas de especial afluencia.

 

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Amplíase tres meses máis o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal no Cemiterio

A Concellería de Cemiterios que dirixe Sergio Casal comunica á veciñanza que amplía o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal, por tres meses máis. O prazo anterior vencía mañá, día 5 e polo tanto agora amplíase ata o 6 de agosto.
Esta decisión está baseada no problema de falta de espazo no Cemiterio Municipal cos nichos de titularidade do Concello que levaban ocupados máis de 10 anos.
O bando da Alcaldía que reproducimos indica que se lle solicita á veciñanza que teñan inhumados nos nichos de propiedade municipal a familiares e que tiveran transcorrido máis de 10 anos, procedan a retirada dos restos e a limpeza para poñelos a disposición do Concello.
Durante o primeiro prazo baleiráronse 25 nichos e están en trámite outras 15 exhumacións máis.