Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos tomarán un ano máis O Porriño para disputar os Xogos Olímpicos nos que cada verán se miden estas civilizacións.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Bienvenio Estévez e Antía Carrera, e representantes do tecido asociativo e comercial da vila, presentou hoxe a programación desta edición de Porrigalia. Unha edición que aúna deporte, música, gastronomía, espectáculos para todos os públicos e moitas actividades infantís.

“Esta fin de semana agardámosvos a todas e todos no Porriño, aseguramos diversión e bos momentos”, apuntou o alcalde que aproveitou para agradecer a implicación “de hostaleiros, comerciantes, ANPAS… e en xeral de toda a veciñanza do Porriño sen os cales sería imposible organizar un evento desta magnitude”.

 

La Frontera, Herdeiros da Crus e Dasoul súmanse á festa

Porrigalia chega este ano cunha banda sonora de luxo, encabezada por Herdeiros da Crus, La Frontera e Dasoul.

Os concertos pecharán cada xornada, comezando pola do venres. A partir das 22:30 h na rúa Domingo Bueno actuarán os Herdeiros da Crus e a continuación DJ Traffic House e Raper Vocal Live.

O sábado os djs Pitty, Samu Pexe, Keva, Mus e Xian animarán cada recuncho e praza do Porriño a partir das 19 h e ás 19:30 h, na praza Arquitecto Antonio Palacios, actuará o grupo local Generación M, de seguido o fará Beatriz Martínez  e ás 21:30 h, os Gin Tonic´s. Xa pola noite os concertos trasládanse á rúa Domingo Bueno, comezando La Frontera, seguido de Dasoul, María Lamuela Freitas, Dj Enter e Dj Moy.

O domingo, ás 19:30 h actuarán os King Kids  na praza do Cristo e ás 21 h A Banda da Balbina na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Ademais haberá charangas, batucadas e animación musical durante toda a fin de semana.

 

Porrigalia Kids, unha proba para auténticos gladiadores

Como non podía ser doutra forma as nenas e nenos estarán moi presentes na programación con actividades pensadas por e para que disfruten ao máximo de Porrigalia. Unha delas a Porrigalia Kids que se celebrará o sábado ás 13h na praza do Concello e no parque do Cristo. A versión olímpica da reputada Gladiator Kids chega ao Porriño para que as pequenas e pequenos demostren que poden ser auténticos gladiadores. As nenas e nenos de 3 a 10 anos disfrutarán dun percorrido de obstáculos adaptado á súa idade para que poidan pasar un rato divertido acompañados dos seus pais ou familiares. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse  ata o día 6 se de xuño na seguinte ligazón: https://www.deporticket.com/web-evento/8491-porrigalia-kids .

Ademais, o sábado ás 11h celebrarase un showcooking e obradoiro infantil no Mercado de Abastos.

 

Xogos olímpicos

O gran desfile olímpico abrirá o venres ás 21h as olimpiadas. Unha gran comitiva levará a chama olímpica dende o templete de San Luis a ata o Concello, onde o Rei Castrexo interpretado por Pepo Suevos a recibirá e procederase ao acendido.

A comitiva, formada por ANPAS e asociacións locais, volverá desfilar o sábado ás 12 h e chegará á praza do Concello para dar paso ao pregón a cargo do Rei Castrexo. Apartir das 20 h na rúa Domingo Bueno comezarán as Olimpiadas. Os xogos continuarán o domingo pola mañá, ás 11 h.