- O alcalde Alejandro Lorenzo recibiu á triatleta polos seus logros a nivel nacional e o seu exemplo de superación persoal e académica
O Porriño, 9 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu no Concello á triatleta porriñesa Carla Guisande, quen vén de completar unha tempada 2025 excepcional, combinando a súa carreira deportiva de elite cos estudos de Odontoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Durante o acto, o alcalde quixo recoñecer publicamente os méritos deportivos desta moza, que a sitúan como unha das deportistas máis destacadas do municipio e un referente para a mocidade. “Carla é un exemplo de constancia, esforzo e superación. Estamos moi orgullosos de contar cunha deportista que leva o nome do Porriño por todo o país e agora tamén por Europa. Detrás dos éxitos hai moitas horas de adestramento, estudo e sacrificio, e iso merece ser recoñecido por todos e todas”, destacou Alejandro Lorenzo.
Carla Guisande, pola súa parte, agradeceu o apoio recibido e mostrou a súa satisfacción por representar ao Porriño. “É un orgullo levar o nome do meu pobo a cada competición. Esta tempada foi moi esixente, pero estou moi contenta cos resultados. Quero agradecer ao Concello o recoñecemento e o apoio, que sempre é un impulso extra para seguir loitando polos meus obxectivos”.
Carla Guisande dispón dun palmarés en constante crecemento. Na tempada 2025 colleitou importantes éxitos a nivel nacional, entre os que destacan ouro no Campionato de España Supersprint / Relevos por Parellas (Albacete) e no Campionato de España de Duatlón Contrarreloxo por Equipos (Avilés); prata no Campionato de España por Relevos (Roquetas) e no Campionato de España de Duatlón Cros e campioa galega de Tríatlon. A deportista xa ten o foco posto nas próximas citas, entre as que se inclúen a Copa de Europa en Lanzarote, os Campionatos de España 2025-2026, así como as Copas de Europa da nova tempada. No inverno, combinará a preparación con participación en probas de atletismo e duatlón.
Desde o Concello do Porriño, o compromiso co deporte base e coa promoción dos talentos locais segue sendo unha prioridade, e casos como o de Carla Guisande son unha mostra do potencial deportivo que existe no municipio.