O Concello do Porriño, a través da concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu primeiro concurso de escaparates de Nadal dirixido ao comercio e hostelería local.
“Somos conscientes do emotivas que son estas datas, e queremos poñer en valor o traballo e o esforzo dos comerciantes e hostaleiros e importancia da súa presencia no día a día da veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Especialmente este ano, que está a ser moi duro para estes sectores e por iso debemos motivalos con iniciativas que dalgunha forma contribúan a compensar todo ese traballo”.
No certame poderán participar todos os establecementos comerciais e de hostalería do Porriño que deseñen os seus escaparates ou fachadas entorno á temática do Nadal.
O prazo de inscrición será do 21 de novembro ao 2 de decembro e haberá tres premios e seis mencións especiais. O primeiro premio terá unha contía de 1200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. As seis mencións especiais que outorgará o xurado estarán dotadas con 250 euros cada unha.
A veciñanza xogará un papel esencial neste concurso, xa que ademais do xurado que valorará os deseños(formado por representantes do Concello, comerciantes, asociacións e entidades) os veciños e veciñas poderán votar tamén a través das redes sociais do Concello, onde se expoñerán todos os participantes.
“Animámosvos a todos a participar desta iniciativa, tanto aos comerciantes e hostaleiros como aos veciños que decidan quen debe gañar”, concluíu a concelleira, Antía Carrera, “Entre todos podemos potenciar a actividade comercial este Nadal no Porriño”.
BASES DO CONCURSO: https://oporrino.org/documentos/bases-i-concurso-de-escaparates-de-nadal/