• O alcalde Alejandro Lorenzo adianta estes dous concertos enmarcados no tradicional Louro Valley Festival e no novo Dabuten! Remember Festival
  • Toda a programación será presentada este venres nun acto público no Parque do Cristo

O Porriño, 3 de setembro 2025.- O sevillano Beret, un dos artistas máis recoñecidos do panorama musical español actual cun estilo que mestura pop urbano, reggae, rap melódico e baladas e SASH!, o DJ e produtor máis icónico da escena dance europea dende os anos 90, encabezan o cartel musical das Festas do Cristo 2025. O alcalde Alejandro Lorenzo adianta estas dúas citas que terán lugar o venres 26 e sábado 27 de setembro, no aparcadoiro da rúa Progreso, con entrada de balde.

Xunto a estes dous artistas serán moitos outros os que completen unha programación chea de eventos e actividades para  todos os gustos e públicos que se dará a coñecer este venres, ás 13.15 horas, no Parque do Cristo, nun acto no que se desvelará o pregón e outras moitas sorpresas. “Queremos que as festas sexan un punto de encontro para todas as idades e que reflictan a diversidade e talento que temos”, sinala o alcalde.

Beret compartirá escenario con outros artistas locais, mantendo así viva a esencia orixinal dun festival que naceu con vocación local e medrou ata converterse nunha das citas musicais de referencia en Galicia. Pola súa parte, SASH! estreará o Dabuten! Remember Festival, no que tamén tocarán outros artistas. “Ámbolos dous festivais son un claro exemplo do compromiso do Concello para apoiar a cultura local á vez que atrae grandes nomes do panorama musical nacional e internacional, consolidándose como espazos de celebración, convivencia e proxección cultural que enche de vida o noso municipio cada setembro”, indica o alcalde.

O Louro Valley Festival e o Dabuten! Remember Festival serán uns dos epicentros musicais das Festas do Cristo, cunha programación que combina a música urbana, electrónica e dance, atendendo a gustos e franxas de idade diferentes.