O mes de maio de 2019 pechou con 88 porriñeses menos nas listas de demandantes de emprego, segundo os datos oficiais remitidos polo Ministerio de Traballo. Con eses 88 porriñeses/as que acadaron un emprego no mes pasado, o noso concello tiña a 31 de maio 1.477 parados o que supón “probablemente o mellor resultado dende outubro de 2008”, segundo valorou Soledad Girón, concelleira de Emprego e Servizos Sociais.
Deste xeito Porriño mantén a súa tendencia de ser un dos concellos de Galicia que presenta mellores datos de recuperación económica dende a pasada crise.
No pasado mes de marzo faciámonos eco dos datos aportados polo Instituto Galego de Estadística que eran concluíntes: Porriño é o concello da provincia que mellor recuperación económica presenta nos últimos dez anos. Dende 2009 incrementouse o número de cotizantes á Seguridade Social, presentando a mellor ratio entre os concellos pontevedreses, por riba incluso de Vigo.
En concreto segundo os datos do IGE, O Porriño é o concello da provincia que mellor remontou a crise e contaba cun 7% máis de cotizantes que hai unha década. Exactamente 7.714 altas máis na Seguridade Social con respecto a hai dez anos.
Asimesmo outros indicadores confirman esa tendencia xa que medrou o nivel de renta e tamén a poboación. Ainda que o censo oficial dí que Porriño tén 19.740 habitantes, a realidade é que actualmente a cidade supera os 20.000. O Concello agarda que na vindeira actualización do Padrón, xa sexa recoñecida esa realidade.