Dous axentes da Policía Local do Porriño acadaron reanimar con éxito a unha nena de 2 anos que estaba atragoada e xa non respiraba. Os feitos ocorreron onte sábado, ás 19,40 horas. Os pais da nena acudiron á Xefatura da Policía Local coa nena explicando que acababa de atragoarse na casa. Un dos axentes que estaban de garda, fixo a manobra de reanimación cardiorrespiratoria a que respondeu co éxito, namentres o outro axente solicitou unha ambulancia. Cando chegaron os efectivos sanitarias, a nena xa estaba reanimada. Non obstante foi trasladada ata o Centro de Saúde do Porriño para a súa valoración.
Tanto dende a Alcaldía coma pola Concellería de Seguridade valorase moi positivamente a actuación dos axentes que ven a revalorizar a importancia da formación continua pola que aposta o goberno municipal porriñés. Toda a plantilla da Policía Local recibiu e completou en 2019 un curso de reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores (DESA) para poder atender emerxencias como a ocorrida onte. Ao mesmo tempo todos os vehículos de patrulla están equipados cun “DESA” que se engade ó restante material que levan para atender emerxencias.
De feito xa en novembro pasado, a dotación dun coche patrulla da Policía Local do Porriño atendeu a un condutor en parada cardiorrespiratoria que sufriu un accidente na rotonda do Cristo de Belén, acadando a súa estabilización ata que chegou a ambulancia do 061.
Por outra banda, a Policía Local, en colaboración co persoal do 061, impartiron cursos de reanimación e primeiros auxilios tanto a veciños, a través das AAVV, coma ao alumnado dos institutos da vila.