Axentes da Policía Local recibían ás 17:22 horas de este venres, día 5 de outubro, a chamada dun condutor que circulaba pola N-550, en dirección a O Porriño, informando de que o coche que ía diante do seu estaba a facendo ‘zig-zag’ e,as veces, entrando no carril contrario.
Coa finalidade de localizar inmediatamente este coche, que estaba a poñer en perigo a seguridade do resto dos vehículos, os axentes da Policía Local mantiveron a chamada de teléfono en liña para que a persoa que alertara desta situación puidese informar de onde se atopaba en cada momento. Isto facilitou que o coche fose interceptado no quilómetro 154,800 da N-550.
Unha vez que o mesmo estivo parado, os policías comprobaron que no seu interior viaxaba un rapaz de 12 anos, fillo da condutora, unha muller de 52 anos a cal, sinalan os axentes, “amosaba claros síntomas de atoparse baixo a influencia de bebidas alcólicas, tendo que ser agarrada algunhas veces para que non caese”.
Sometida ás probas de alcoholemia, as mesmas deron un resultado que multiplicaba case que por catro a taxa legalmente establecida, polo cal os policías procederon á instrución de dilixencias pola suposta comisión dun delito contra a Seguridade Vial, pasando as mesmas a disposición do Xulgado de Garda.
Á vista do estado de embriaguez da condutora, os axentes realizaron xestións para levar ao rapaz cun familiar e, ao mesmo tempo, procederon a inmobilizar o coche no lugar.
Dende a Policía Local sublíñase o feito de que esta intervención fose realizada grazas á colaboración cidadá que, asegura, “é fundamental en situación coma esta para evitar que condutas semellantes poidan causar un accidente con graves consecuencias”.