- O Concello organiza unha charla informativa dirixida ás persoas maiores o vindeiro martes, 2 de decembro, ás 17.00 horas no salón de plenos
O Porriño, 26 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración coa Garda Civil, organiza unha charla informativa destinada a dar a coñecer o Plan Maior Seguridade, unha iniciativa que promove consellos e medidas preventivas para mellorar a seguridade das persoas maiores no seu día a día, poñendo especial énfase no ámbito dixital.
O encontro terá lugar o vindeiro martes, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello, e está aberto a toda a veciñanza interesada, especialmente ás persoas maiores e ás súas familias, que poderán coñecer de primeira man pautas sinxelas para previr estafas, enganos, roubos e outros riscos que afectan con máis frecuencia a este colectivo.
Durante a sesión, persoal da Garda Civil explicará os principais aspectos do plan, ofrecerá recomendacións prácticas para mellorar a seguridade no fogar, na rúa, nas entidades bancarias, nas viaxes e tamén no uso de internet e das novas tecnoloxías. Ademais, atenderanse preguntas e dúbidas das persoas asistentes.
O Concello do Porriño anima a toda a cidadanía a participar nesta actividade informativa, que forma parte do compromiso municipal coa prevención, a protección e o benestar das persoas maiores.

