A Axenda Urbana e Rural do Porriño avanza na definición do seu marco estratéxico logo da identificación dos principais retos do municipio.
“O proceso participativo concluíu coa cunha ampla participación da veciñanza na enquisa e coa celebración de cinco mesas nas que participaron os técnicos e traballadores municipais, grupos políticos, axentes sociais, medioambientais e económicos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Entramos xa na seguinte fase, na que se elaborará o marco estratéxico e o conseguinte Plan de Acción de maneira participada con todos os axentes do territorio, asegurando desta maneira que o documento final sexa un reflexo das capacidades e necesidades colectivas do Porriño”.
O rexedor mostrouse agradecido do alto grado de participación dos/as porriñeses/as, que mostraron a súa opinión a través do cuestionario online que estivo dispoñible na páxina web da Axenda Urbana. “Demostra o compromiso da veciñanza co seu pobo, algo clave para alcanzar os obxectivos que nos propostos e construír entre todos un Porriño máis cohesionado e cun futuro sostible”, concluíu Lorenzo.
A veciñanza define os retos do Porriño
O fomento da mobilidade peonil e ciclista entre O Porriño e Torneiros e a reducción do impacto do paso do tren polo centro urbano, son algunhas das necesidades que os/as porriñeses/as consideran prioritarias, segundo conclúe o proceso participativo, impulsado polo Concello do Porriño, vencellado ao deseño do documento.
A fase de Diagnóstico detectou outros retos priorizados pola veciñanza, como a necesidade de impulsar o uso do transporte colectivo nos desprazamentos coa área metropolitana, que inclúa a conexión dos núcleos rurais, ou a rexeneración ambiental das Gándaras de Budiño e dos ríos Louro e Couso para poñer en valor o patrimonio natural do Porriño.
Outra das prioridades destacadas pola cidadanía é a consolidación dunha rede de saneamento e abastecemento que dea cobertura a todo o municipio.
A ollada da diagnose tamén se centrou no eido social, e neste ámbito os/as porriñeses/as poñen o foco na reducción da vulnerabilidade da poboación e das desigualdades sociais.
No tocante ao desenvolvemento industrial concluíuse que un dos retos a fixar é impulsar a competitividade exterior e innovación apoiándose nos centros tecnolóxicos como o CTAG; AIMEN e o Centro Tecnolóxico do Granito.
Axenda Urbana e Rural do Porriño
A Axenda Urbana e Rural do municipio inclúe tres fases: o diagnóstico, o marco estratéxico e o plan de acción. Ademais van acompañadas dun proceso transversal de participación cidadá.
A finalización da primeira fase conclúe cun conxunto de retos que foron priorizados no proceso participativo.
Agora estáse a traballar na definición do marco estratéxico que vai definir as liñas estratéxicas e as accións. Este proceso vai permitir dar resposta ás necesidades identificadas para lograr un Porriño inclusivo, integrado, resiliente e sustentable. Todos os detalles da Axenda Urbana pódense consultar en https://axendaurbanaoporrino.com/