O Porriño volve facer gala do seu lema “O Concello do Deporte” coa organización, xunto co Club Atletismo Porriño, da proba O Porriño 10 Km – OP 10K. Preto de mil persoas tomarán a saída o vindeiro domingo para completar un circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo polas rúas do centro urbano, cuxa lonxitude variará en función da categoría, dende os 100 metros dos máis pequenos (chupetes e pitufos), aos 1.000 dos benxamíns e alevíns, 2.000 para a categoría infantil e 5.000 para cadete e xuvenil; na categoría absoluta ademais dos 10 quilómetros, ofrécese a posibilidade de facer unha única volta e completar os 5 quilómetros.
“Para os que aínda non se inscribiron, están a tempo de facelo ata esta medianoite a través da páxina web ccnorte.com”, lembra o alcalde Alejandro Lorenzo á vez que anuncia a participación de atletas de renome que fan que esta proba sexa considerada “posiblemente o 10K máis rápido de Galicia”.
En categoría feminina está confirmada a asistencia da internacional francesa Alice Finot, do R.C. Celta Atletismo, campioa de Europa 2024 en 3.000 metros obstáculos e cuarta na mesma proba nas Olimpíadas de París 2024. Finot tentará superar o récord feminino da O Porriño 10 km, 33’18’’ que rexistrou Ester Navarrete o pasado ano, quen compartiu podio con Uxía Pérez do RC Celta Atletismo e Sonia Abad do Taninos Runners, que volverán participar tamén nesta XVI edición. Na categoría masculina tomarán a saída David de la Fuente (CD Pinarium), Pablo Otero (Atletismo Narón) e Carlos Porto (Ximnastica Pontevedra), todos eles en disposición de correr os 10.000 metros por debaixo do récord que marcara no ano 2015 Alejandro Fernández, 29’23’’.
Este ano a saída e a meta trasládase ao Parque Infantil, antigo campo da feira, na mesma avenida Domingo Bueno, uns 300 metros máis adiante, onde ao finalizar a competición terá lugar unha festa na que se procederá a entrega de premios e trofeos. Repartiranse 3.100 euros de premios en metálico, “cos que se busca incentivar a participación e o rendemento deportivo dos atletas, así como recoñecer o esforzo e a dedicación que supón a preparación e competición nunha carreira desta natureza”, sinala o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.
Así establécese un premio especial de 500 euros ao primeiro atleta e á primeira atleta que logren bater o récord da proba, será un recoñecemento destacado ao logro deportivo; e outros aos tres primeiros clasificados na carreira de 10 km en cada unha das categorías (masculina e feminina), deste xeito a primeira e o primeiro clasificados recibirán 500 euros, os que rematen en segunda posición 350 euros e os terceiros 200 euros. A maiores haberá trofeos para os tres primeiros (masculino e feminino) de cada categoría e tamén se levará a cabo un sorteo de agasallos coa inscrición, que se entregarán aos afortunados no momento da recollida do dorsal.