• Alumnado dos colexios Hermanos Quiroga e José Fernández López, visitaron o pulmón verde da
    Louriña para aprender a importancia destes espazos e contribuir á súa conservación

O Porriño, 23 de marzo de 2025.- Medio cento de alumnos e alumnas dos colexios Hermanos Quiroga e José Fernández López do Porriño, participaron este luns pola maña na celebración do Día da Árbore e o Día dos Bosques, cunha plantación de árbores na contorna da Risca, na que participou o alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, e o presidente da Comunidade de Montes Santa María de O Porriño.

De feito, a prantación fíxose en terreos comunais, no entorno da Risca. 25 “castaños Maruxa”, un tipo de clon de castiñeiro híbrido que se elexiu polo seu bo crecemento e resistencia a enfermidades.

“Hoxe falamos de futuro: o futuro da nosa vila, con estes nenos e nenas que se educan nos valores do medio ambiente, e o futuro da nosa contorna, porque deles depende seguir conservando este espazo.”, explicou Alejando Lorenzo, apuntando que “O Porriño non só e industria: tamén é cultura, é deporte e é natureza, con estes árbores que nos axudan a mellorar a calidade do aire, a producir osíxeno, a previr incendios ou inundacións ou, simplemente, se subides ata aqui, ata a Risca, a respirar”.

A Risca

Os cativos tiveron a oportunidade de prantar así árbores nun dos espazos naturais máis valiosos e especiais do Porriño, tanto polo seu interese ambiental como polo seu valor paisaxístico e social. Situada nunha contorna privilexiada, este enclave destaca pola súa riqueza ecolóxica, converténdose nun punto de referencia para a conservación da biodiversidade e para o desfrute da natureza por parte da veciñanza.

De feito dende a Comunidade de Montes explicaron á cativada a importancia de conservar esta paisaxe, este pulmón verde, este espazo que serve si, para lecer, pero tamén para coidar: fonte de osíxeno e de prevención de incendios ou inundacións. Por iso o compromiso do Goberno Municipal é, con estes actos , a protección do medio ambiente e ao mesmo tempo, inculcar na mocidade unha aprendizaxe vital para entender a importancia do desenvolvemento sostible e responsable.

A Risca constitúe un dos espazos naturais máis ricos e importantes da comarca, así como unha auténtica infraestrutura verde para o conxunto do val do Louro. A súa masa forestal desempeña unha función esencial como pulmón natural, contribuíndo á mellora da calidade do aire, á regulación da temperatura e á absorción de dióxido de carbono, factores clave nun contexto de crecente preocupación polo cambio climático.

Entornos naturais coma este favorecen a conservación da biodiversidade, servindo de hábitat para numerosas especies de flora e fauna, e actúa como corredor ecolóxico dentro do territorio. A súa presenza resulta tamén fundamental para o equilibrio hídrico da contorna, facilitando a infiltración da auga e axudando a previr a erosión do solo.

Árbores e bosques, as claves do noso futuro

Día da Árbore é unha xornada dedicada a poñer en valor a importancia dos ecosistemas forestais para a vida no planeta; para iso marca como o seu obxectivo fomentar a plantación de árbores e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de coidar e conservar o medio natural.

Esta celebración está estreitamente vinculada ao Día Internacional dos Bosques, promovido polas Nacións Unidas e celebrado cada 21 de marzo, co propósito de destacar o papel esencial dos bosques na loita contra o cambio climático, na protección da biodiversidade e no desenvolvemento sostible. Ambas datas comparten unha mesma finalidade: promover unha maior conciencia social sobre a importancia de preservar e xestionar de forma responsable os recursos naturais. Ambas datas constitúen unha oportunidade para reforzar valores como o respecto polo medio ambiente, a sustentabilidade e a responsabilidade colectiva. As árbores e os bosques desempeñan un papel fundamental na mellora da calidade do aire, na regulación do ciclo da auga e na conservación dos ecosistemas, contribuíndo tamén ao benestar das persoas e á calidade de vida nos núcleos urbanos e rurais.