- O ámbito total de actuación será de 570 metros de lonxitude e unha superficie total de actuación de 700 m²
A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo xa aos traballos de reconstrución da capa de rodadura da céntrica rúa Fernández Areal, unha das arterias máis importantes da vila. O pavimento asfáltico actual, que se atopa en mal estado de conservación, será completamente renovado, tal e como demandaba a veciñanza desde hai anos. Segundo indicou o concelleiro, Ramón Porto, ao deterioro do pavimento “era cada vez máis acelerado e esta intervención resultaba fundamental para mellorar a seguridade e a comodidade dos usuarios da vía”.
A rúa Fernández Areal é un vial cunha importante densidade tráfico rodado, xa que conecta o centro da vila co Centro de Saúde, o Pavillón Municipal, centros educativos e outros servizos clave para a veciñanza. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a “urxencia” da actuación para asegurar que esta arteria non só mellore o seu estado de conservación, senón tamén para facilitar a circulación de vehículos e peóns, optimizando a seguridade e a mobilidade dos usuarios.
A intervención abarca tamén os camiños Fontevella e Pego, conformando un proxecto integral que mellorará a conectividade na zona. O ámbito total de actuación será de 570 metros de lonxitude e un ancho medio de 6,5 metros, o que supón unha superficie de actuación de 3.700 m².
As obras forman parte do primeiro lote de traballos dun proxecto global, cun orzoamento base de 105.545 euros. Este investimento ten como obxectivo garantir a mellora das infraestruturas viarias e a adecuación do espazo urbano ás necesidades da veciñanza e do tráfico actual.
A intervención está pensada para ser o menos invasiva posible, procurando minimizar as molestias aos veciños e garantir a continuidade dos servizos na zona. Non obstante, será preciso realizar cortes de tráfico en diferentes puntos. O xoves 30 de xaneiro de 2025, o tráfico permanecerá interrompido no Camiño Fontevella, dende Pío XII ata o cruzamento de Domingo Bueno con Fernández Areal. O venres 31 de xaneiro de 2025, restrinxirase a circulación na rúa Fernández Areal, no tramo comprendido entre Domingo Bueno e a intersección con Paz Varela