Alejandro Lorenzo é o novo alcalde de Porriño.
O candidato do Partido Popular foi elixido alcalde como cabeza de lista da candidatura máis votada nas últimas eleccións municipais, en 2019, na sesión plenaria celebrada esta tarde.
 
Como houbo un empate a 8 votos entre Alejandro Lorenzo e Lourdes Moure, a candidata apoiada polo PSOE, BNG e Esquerda Unida, foi determinante a abstención do concelleiro Manuel Carrera, da UDDL.
Segundo establece a lexislación nestes casos, elíxese alcalde ao cabeza de lista da candidatura máis votada que foi o Partido Popular.
 
Tras completar o trámite de toma de posesión e entrega do bastón de mando, Alejandro Lorenzo realizou a súa primeira intervención como alcalde.
Amosou o seu recoñecemento e agradecemento a persoas “decisivas na miña vida política como Xosé Manuel Barros e Nelson Santos”, lembrou á xente do seu entorno familiar, dun xeito moi especial ao seu pai falecido, e agradeceu o apoio dos seus compañeiros de grupo municipal polo traballo realizado e apoio recibido”.
Alejandro Lorenzo prometeu “máximo esforzo e traballo ao fronte do novo equipo de goberno para recuperar O Porriño”.