A profesora María do Carmen Seijo, profesora titular de Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, responsábel da liña de traballo relacionado co seguimento e control da expansión da Vespa Velutina, vén de agradecer ao Concello do Porriño e, en concreto á Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Marcelino Coro, “a súa colaboración no trampeo e mostraxe de primavera desta especie invasora, xa que permite reducir a poboación de raíñas encargadas da creación de novos niños, e polo tanto da expansión da especie”.
A devandita campaña de trampeo, que abrangueu dende o mes de marzo ate mediados de maio, consistiu na colocación de 200 trampas con dous atraentes específicos diferentes, “logo da primeira quincena, na que optouse só polo atraínte que amosara maior eficacia”.
Ao final da campaña, sinala Marcelino Coto, dacordo cos datos de Viveiros Adoa, empresa encargada polo Concello para levar adiante a mesma, o número total de exemplares deste insecto eliminados foi de 3.800, “o 85% deles raíñas fundadoras”, aproximadamente unas 3.300, exemplares que foron enviados, para o seu estudo, á Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.
O concelleiro de Medio Ambiente lembra que as trampas, que se situaron en todas as parroquias do Porriño, e que se renovaban cada 15 días, tiñan coma primeiro obxectivo, tal e como anunciara ao inicio da campaña, “a captura das raíñas fundadoras dos niños xusto ao inicio da primavera, época na que a Vespa Velutina é máis prolífica” e, neste eido, o resultado é “moi satisfactorio”, o cal non quere dicir que se baixe a garda, senón ao contrario, “seguiremos insistindo e traballando para reducir a influencia e o impacto desta especie invasora”.