O Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF) anunciou hoxe á alcaldesa Eva García que licitará antes de decembro a redacción do proxecto constructivo para suprimir o perigoso paso a nivel existente no centro do Porriño.
A solución técnica que se prantexa é mediante a depresión da rasante da vía férrea, segundo explicou María Luisa Domínguez Gónzalez, directora xeral de Planificación Estratéxica e Proxectos á alcaldesa. Por esa razón é que ADIF inclue na licitación do proxecto a realización de sondaxes e estudio xeotécnico para dispoñer dunha valoración axustada do orzamento que terá a obra.


Na reunión de traballo celebrada este mediodía en Madrid, a alcaldesa porriñesa estivo acompañada polos deputados pontevedreses Guillermo Meijón e Olga Alonso.
O Goberno Municipal de Porriño entende que unha vez estea estimado o custe da obra, “a financiación terá que ser compartida polas diferentes administración públicas mediante un futuro convenio que debería ser participado por Estado, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e o propio Concello, para asumir de xeito conxunto a financiación ”, segundo manifestou Eva García ó termo da reunión.
“O custe da obra é un dato que terá que determinar o proxecto constructivo que vai licitar o ADIF”, suliñou a alcaldesa do Porriño. Eva García manifestou sentirse “moi contenta de comprobar que por fin hai avances concretos para ver que chegará a materializarse a aspiración de todos os porriñeses”, declarou.
A reunión de hoxe foi continuidade das xestions realizadas hai un ano pola alcaldesa coa presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera. Naquela reunión, de data 31 de agosto de 2018, a presidenta do ADIF comprometeuse a retomar a proposta unánime dos grupos municipais e dos colectivos sociais e económicos de Porriño para suprimir o paso a nivel como evidenciouse na histórica manifestación celebrada o 1 de xuño dese ano.


O paso a nivel existe en Porriño dende 1948. A súa supresión é unha demanda histórica que se reforzou a partires do accidente de hai tres anos cando o Tren Celta descarrilou por exceso de velocidade o que provocou catro mortos e perto de medio centenar de feridos.