O Porriño, 12 de xullo de 2025. – Esta mañá, O Porriño encheuse de vida coa inauguración oficial da IX edición de Porrigalia, os Xogos Olímpicos do Porriño, que durante todo este fin de semana van converter a vila nun escenario único de historia, festa e cultura.
O inicio foi espectacular, cun desfile con máis de 150 persoas divididas en nove comparsas que representan galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos. Cleopatra, Astérix, Obélix, Panorámix e todos e todas os participantes dos Xogos Olímpicos, acompañaron aos portadores da chama olímpica, o Rei Castrexo Pepo Suevos, o polifacético artista, Tonhito de Poi, e o influencer, Miguel Mandayo. Dende o templete da rede de San Luis, o desfile chegou ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación da Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata), onde tivo lugar o acendido da chama olímpica e o destronamento simbólico do alcalde, Alejandro Lorenzo, por parte do rei castrexo.
O influencer, Miguel Mandayo, que participa por primeira vez en Porrigalia, foi o encargado de ler o pregón e compartiu a súa ilusión: “É a miña primeira vez en Porrigalia e teño que dicir que isto é unha pasada. É unha festa con moita enerxía, moi auténtica, e estou moi contento de poder estar aquí con toda a xente do Porriño. Para min é un pracer ser o pregoeiro. Viva Porrigalia”. Ademais, o coñecido influencer, convidou a todos as persoas presentes a participar nas probas olímpicas nas que el tamén competirá.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou a forza da participación veciñal e fixo un agradecemento especial: “Porrigalia é unha festa da xente para a xente, un exemplo claro de traballo en equipo. Quero agradecer de corazón a todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga medrando e que poidamos vivir esta festa tan especial. As nove comparsas e máis de 150 participantes fan desta festa un evento único, e agardamos milleiros de visitantes estes dous días para gozar desta experiencia cultural e festiva que tanto nos enche de orgullo.”
A xornada deste sábado continúa ás 14:00 h, abrirán as tabernas da vila para o xantar popular e, ao mesmo tempo, desenvolverase un showcooking en directo, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a cargo do cociñeiro Xulio Mato.
Pola tarde, desde as 18:00 h, haberá obradoiros infantís polas rúas e dúas sesións de exhibicións de voos de cetraría no Parque Infantil (ás 18:00 h e 19:00 h). Tamén ás 18:00h será o concerto de Pink Porris, na Praza do Concello. Trátase dunha banda de punk rock local de Atios, O Porriño. Son coñecidos pola súa enerxía, a súa música parte o granito. Entre as 19:00 h e as 22:00 h, diferentes DJs amenizarán varias prazas da vila, ao tempo que continúa a animación de rúa coa Charanga Fanfarria Furruxa, Charanga Os Caliqueños, Batucada Lenha Verde e Batucada Miúdos (de 19:00 a 23:00 h). Ás 19:30 h, celebrarase na Praza do Cristo a tradicional competición das Olimpíadas Técnicas. A esta mesma hora, 19:30h, desenvolverase na Praza do Concello a actividade deportiva CrossGalia. Máis tarde, ás 21:00 h o Mimo Karcocha levará o seu espectáculo itinerante polas rúas. Ás 22:00 h, o grupo Os Mendigos ofrecerá un concerto de música medieval na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 23:30 h, terá lugar a gran queimada popular, a cargo do mítico Rei Panoramix, e ás 23:45 h pechará a noite o concerto de Los Kabrönes!!! + sesión DJ na rúa Domingo Bueno.
O domingo 13 de xullo, o día arrincará ás 10:30 h co Gran Desfile Olímpico, desde o templete da rede de San Luis ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación das cinco civilizacións. Ás 11:00 h, celebraranse na Praza do Cristo as probas olímpicas protagonizadas polas comparsas de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, e ao mesmo tempo continuará a animación de rúa coa Charanga Turres Band, Charanga Sacacorchos e Batucada Os Vikingos. Ás 12:30 h, o grupo Louband actuará en concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios, seguido dunha nova exhibición de voos de cetraría no Parque Infantil ás 13:00 h.
Pola tarde, ás 18:00 h, repetirán os obradoiros infantís polas rúas e celebrarase un concerto infantil dobre, coa actuación da Orquestra de Camarote e do grupo Oviravai, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 18:30 haberá unha nova sesión de voos de cetraría e ás 19:00 h, os máis pequenos poderán participar na actividade “Gladiator Kids”, na Praza 8 de Marzo. A animación de rúa continuará ás 19:30 h cos mesmos grupos da mañá, e ás 21:00 h celebrarase o concerto de Los Hijos del Acorde, de novo na praza principal. A noite pecharase co espectáculo final “Errantes” da compañía Troula Animación, ás 22:30 h, coa entrega simbólica do bastón de mando, e ás 23:00 h, o concerto de Ortiga e a sesión DJ, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios, porán o broche de ouro a esta novena edición de Porrigalia.
Durante as dúas xornadas, as rúas do Porriño estarán cheas de postos artesáns e de gastronomía, abertos todo o día, para que desfrutes de produtos únicos que fan de Porrigalia unha experiencia completa. Anímate a vir, colle a túa túnica, a coroa ou o casco e prepárate para unha fin de semana inesquecible no Porriño!