Comezan os Xogos Olímpicos do Porriño. A Porrigalia arrancou esta tarde co desfile das nove comparsas caracterizadas das diferentes civilizacións, o acendido da antorcha olímpica e o pregón que da inicio ás celebracións.

Cleopatra, Astérix, Obélix, Panorámix, o Rei Castrexo e todos e todas os participantes dos xogos da Porrigalia, acompañaron aos porriñeses portadores da chama olímpica, a maratoniana Ana Gómez e o adestrador do Celta de Vigo, Claudio Giráldez. Este último, acompañado polo Emperador da Porrigalia, o alcalde Alejandro Lorenzo, foi o encargado de dar o pregón que da inicio aos tres días de festexos, no que salientou “nesta praza, xúntase hoxe 5 cousas que me fan moi feliz: o meu pobo, o deporte, a miña familia, os meus amigos e a festa”.
“Os Xogos Olímpicos, ao igual que a nosa festa, recórdannos a importancia de esforzarnos para alcalzar os nosos soños e de manternos unidos como comunidade”, prosigue Giráldez. “Os soños poden chegar a cumprirse, se te preparas, te esforzas, se tratas de non facer dano a ninguén e se tes o chisco de sorte necesaria. E se non se cumpren, que teñamos gozado do camiño sendo nós mesmos e sendo felices”.

Concerto de Lucía Pérez e máis música no Porriño
A música tomou as rúas nesta VIII edición da Porrigalia desde as 19:00 h, coas actuacións de The Turres Band, a Charanga Sacacorchos e a Batucada Lenha Verde.
A velada deste venres continúa co concerto de Lucía Pérez na praza do Arquitecto Antonio Palacios. A artista galega saltara ao estrelato tras gañar “Canteira de Cantareiros” da TVG no ano 2002 e desde entón a súa carreira musical non para de seguir ascendendo e na que amosa unha gran versatilidade artística. Os seus traballos “Volar por los Tejados”, “Que me quiten lo bailao”, “Cruzo los Dedos”, “Abrázame” ou “La Salida” reflicten a súa evolución artística. A noite remata cunha sesión DJ para seguir bailando na rúa.
