A Concellería de Festas do Concello do Porriño anuncia que xa está aberto o prazo de inscrición para o concurso “Novos talentos musicais val da Louriña 2024. Tes Talento?”, que se celebrará na vila entre o 13 e o 29 de setembro. Un concurso que busca descubrir e dar a coñecer novos talentos, con concertos en directo.

As persoas interesadas poden presentar as solicitudes ata as 14 h do 10 de setembro ben presencialmente, ben por rexistro electrónico do Concello. As bases e os impresos xa se poden consultar na web municipal ecultura.net.

Tes Talento? O concurso de novos talentos musicais para todas a idades

O concurso está dirixido a artistas afeccionados. Na modalidade infantil, pódense presentar rapaces e rapazas nadas en 2009 ou con posterioridade. Os nados en 2008 ou con anterioridade, competirán na modalidade de adultos/as.

Tamén haberá cabida para grupos musicais de ata catro compoñentes nas dúas modalidades.

As audicións da fase preliminar, terán lugar a porta pechada o venres 13 de setembro no Centro Cultural Municipal. O público poderá comprobar o nivel dos/as concursantes adultos/as que pasen á semifinal que se celebrará os días 20 e 21 de setembro ás 20:00 h na praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Os mellores talentos do 2024 terán outra oportunidade de gañar o concurso na fase final, o domingo 29 de setembro ás 18:00 h na praza do Arquitecto Antonio Palacios. Nesta final infantil e de adultos/as, participarán os nenos e nenas que superaran a fase preliminar, e os concursantes adultos/as vencedores da semifinal.

O gañador grabará un tema musical ou un vídeo promocional

Haberá 3 premiados en cada modalidade, infantil e adultos, que recibirán diversos premios. Os rapaces contarán cun trofeo e lotes de productos con material escolar. Mentres que os adultos, ademáis do trofeo, recibirán un premio económico de 400 €, 250 € e 150 € para o primeiro, segundo e terceiro clasificados respectivamente. O primeiro clasificado poderá grabar un tema musical ou un vídeo promocional.

Gañadores de ‘Tes Talento?’ 2023

Artistas como a porriñesa Noemí Fernández, finalista de La Voz Kids e concursante de La Voz en dúas tempadas, ou a mosense Antía Caride, compoñente da Girl’s Gang, pasaron polo concurso en edicións anteriores.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todos e todas a participar recordando que “este é un concurso que trata de dar visibilidade aos músicos emerxentes, que terán a oportunidade de actuar en directo diante do mellor público do mundo, os veciños e veciñas do Porriño”.