- As axudas poden cubrir ata o 100 % do investimento, cun importe mínimo de 6.000 €, e o prazo de solicitude remata o 1 de abril de 2026
O Porriño, 12 de xaneiro de 2025.- O Concello do Porriño informa ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio da apertura do prazo para solicitar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, unha liña de axudas impulsada pola Deputación de Pontevedra destinada a financiar investimentos que contribúan á mellora das infraestruturas, dos equipamentos e dos locais sociais das entidades.
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, polo que se recomenda ás asociacións interesadas iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria para concorrer á convocatoria.
As subvencións poden cubrir ata o 100 % do investimento presentado, cun importe mínimo de 6.000 euros e un máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria, o que supón unha oportunidade destacada para levar a cabo actuacións sen necesidade de achega económica propia.
A convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade da entidade, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.
As actuacións deberán realizarse integramente na provincia de Pontevedra e será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta convocatoria para o tecido asociativo local e animou ás entidades do municipio a presentar as súas solicitudes. “Estas axudas son unha oportunidade moi importante para que as asociacións poidan mellorar os seus locais, renovar equipamentos e poñer en marcha investimentos que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza. Desde o Concello queremos que todas as entidades coñezan esta convocatoria e a aproveiten”, sinalou o rexedor.
Lorenzo subliñou tamén o papel fundamental que desenvolven as asociacións no ámbito social e comunitario do Porriño a as súas parroquias e barrios, e insistiu na necesidade de difundir amplamente esta liña de subvencións para que chegue ao maior número posible de colectivos.
Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, que deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.
Desde o Concello do Porriño anímase ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio a aproveitar esta oportunidade de financiamento, que contribúe á mellora dos seus espazos e recursos e ao fortalecemento do tecido asociativo local.
A data límite para a presentación de solicitudes é o 1 de abril de 2026.

