O BOP publicou o pasado venres, 19 de abril, o extracto da resolución da alcaldía pola que se aproban as Bases e convocatoria para a concesión de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social no entorno residencial de rehabilitación programado de Torneiros, abrindose así o prazo para solicitalas. O prazo para requerilas finalizará o 31 de xaneiro de 2026.
Para este proxecto o Concello do Porriño recibiu un millón de euros, no marco do Programa de axudas para a rehabilitación de entornos residenciais a nivel barrio, que se distribuirán en axudas para impulsar medidas de eficiencia enerxética.
Dentro do ámbito delimitado do proxecto, que comprende 945 vivendas en 81 edificios, programouse inicialmente a rehabilitación dun número estimado de 105 vivendas que ocupan 1,38 hectáreas, repartidas en diferentes bloques. Deste millón de euros, preto de 130.000 destinaranse á urbanización e mellora da contorna, que se complementa con outras actuacións que o Concello está a levar a cabo para humanizar a zona, como o acondicionamento de beirarrúas ou a renovación do alumeado público. No marco desta actuación instalaranse 156 lámpadas leds, cunha inversión total de preto de 75.000 euros.
A parte restante será para axudas a particulares e/ou comunidades de propietarios destinadas á mellora de fachadas, mellora de cubertas, incluíndo aquí a eliminación de amianto, e o relevo de xanelas e vidros exteriores, empregando carpintería de pvc e vidro eficiente térmicamente, todo isto co obxectivo de conseguir un aforro enerxético mínimo do 30%.
O importe das subvencións a particulares dependerá do grao de eficiencia enerxética que se alcance coas obras executadas, que pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, incluso do 100% cando se identifique un caso de vulnerabilidade económica.