Logo de 2 anos de ‘seca’, sen concesión algunha de accións formativas para o concello do Porriño, “aínda sabendo a importancia das mesmas para as persoas que están sen traballo”, finalmente a Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón, ven de conquerir da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Goberno de Galicia tres cursos AFD ( Accións Formativas para Persoas Desempregadas), cunha subvención de 96.174€.
Soledad Girón lembra que O Porriño é un concello de 20.000 habitantes cunha taxa de paro que foi baixando nos dous últimos anos do 26,3%-porcentaxe no que estaba cando o actual Goberno local tomara posesión- ao 18,2%-ao peche de agosto: máis dun 8% en total, grazas á posta en marcha de distintos programas formativos, impulsados e financiados polo propio Concello, e os acordos asinados con representantes do mundo empresarial, coma “Porriño Accede”, os plans de emprego co-financiados coa Deputación de Pontevedra e, “agora mesmo, pendentes da concesión do PIEM ( Plan Integral de Emprego para Mulleres), plan no que temos posto gran entusiasmo, investindo tempo e recursos, máis de 100.000€ se finalmente se nos concedese”.
Os cursos impartidos polo Concello do Porriño serán: Servizos de Restaurante (HOTRO608), de nivel 2; Operacións Básicas de Restaurante e Bar (HOTRO208), de nivel 1 e, finalmente, Operacións Básicas de Cociña (HOTRO108), tamén de nivel 1.
Dende a Concellería de Emprego e Formación lémbrase ás veciñas e veciños que xa está aberto o prazo de inscrición, que o lugar para cumprimentar a mesma é a Oficina de Emprego do Porriño e que o único curso que esixe un nivel de estudos mínimo –ESO ou similar- é o de Servizos de Restaurante, que é do nivel 2.
Por último, Soledad Girón subliña que impulsar medidas para reducir o desemprego “non é só labor do Goberno local do Porriño o é, especialmente, da Xunta de Galicia, que ten competencia para elo, e as dúas administracións temos o deber e a obriga de entendernos, á marxe de posturas políticas diferentes pois cando gobernamos facémolo para os cidadáns”.