A xunta de portavoces municipais do Concello estudará este martes na reunión convocada a partir das 18:00 horas, as bases e a convocatoria para a concesión de axudas económicas extraordinarias a autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas situadas en Porriño. Trátase de minimizar a grave situación social e económica que teñen que soportar os empresarios que resultaron afectados na súa actividade mediante o cese total ou parcial dos seus negocios polas sucesivas restricións.
A proposta que leva o goberno municipal porriñés á consideración dos voceiros dos grupos da corporación, contempla unha contía destinada a esta liña de subvencións cun importe total de 140.000 euros.
Cóntase coa axuda da Deputación Provincial que autoriza a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros, aportando o Concello dos recursos propios a cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total na presente convocatoria de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.
O límite por beneficiario establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.
Este programa de axudas económicas directas preténdese levar ao próximo pleno da corporación municipal para a súa aprobación. Despois da súa publicación no BOPPO, abriríase o prazo para presentar as solicitudes.