A Consellería de Sanidade explicou que a decisión, adoptada xunto co comité clínico asesor, de pasar ao concello do Porriño a un nivel medio de restricións débese á detección de novos infectados coa ocasión do recente cribado feito.
Na roda de prensa ofrecida hoxe polo conselleiro e os seus principais colaboradores para explicar os acordos de onte, indicouse pola doutora Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública que “está a producirse un incremento en toda a comarca” e citou expresamente que no Porriño pasamos de 1 a 15 casos. “Estamos a realizar un seguimento”, engadiu.
Segundo os datos que comunicou hoxe o propio Servizo Galego de Saúde, O Porriño ten 16 casos nos últimos 7 días; 18 en 14 días e a taxa de incidencia situouse en 91.
Como consecuencia da decisión que adoptou a Xunta de Galicia, a partir das 00:00 do venres 30, a hostalería do Porriño poderá abrir só cun 30% de aforamento no interior dos locais e un 50% nas terrazas. O horario de peche será ás 21 horas, agás os restaurantes que poderán pechar ás 23:00. No que atinxe ás reunións, máximo de 6 non conviventes ao aire libre e 4 en interiores, tanto en domicilios particulares como en lugares públicos. Mobilidade: restrinxida de 23:00 a 6:00 e permítese desprazarse entre municipios independentemente do nivel no que se encontren.