- O Concello organizou unha nova sesión práctica de RCP da que que participaron máis de 40 persoas
- A boa acollida da actividade fai que se programe outra nas vindeiras datas
O Porriño, 18 de agosto de 2025.– Co obxectivo de capacitar á cidadanía e mellorar a súa capacidade de resposta en situacións de emerxencia, o Concello do Porriño organizou esta tarde unha sesión práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) aberta a toda a veciñanza.
Foron máis de 40 persoas as que amosaron o seu interese por participar desta actividade que, trala gran acollida, volverase a repetir e así o amosou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, asistente tamén á sesión celebrada na sala de usos múltiples do polideportivo municipal. “Completouse a cota prevista de participación, foi un éxito total, por iso repetirase en vindeiras datas”, sinalou a edil quen agradeceu tamén aos profesionais do sistema sanitario pola clase impartida. Estes achegaron os coñecementos clave, tanto teóricos como prácticos, para actuar con seguridade ante situacións de risco vital, como é o caso dunha parada cardiorrespiratoria.
O alcalde Alejandro Lorenzo indica que “estamos comprometidos co benestar da nosa xente, e actividades como esta de reanimación cardiopulmonar son unha mostra de que, ademais de atender as necesidades sanitarias, tamén debemos formar a nosa veciñanza para que poidan actuar con seguridade e eficacia en momentos de emerxencia. A gran acollida desta sesión demostra o interese da cidadanía por mellorar a súa preparación e, por iso, seguimos apostando por este tipo de formacións que contribúen á prevención e á saúde comunitaria”.
Esta actividade enmárcase dentro da estratexia do Concello en prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando a imaxe dun Porriño preparado e comprometido co benestar da súa xente.