• Os traballos de humanización da rúa San Sebastián finalizarán nun mes e medio, transformando a zona nun espazo máis accesible, moderno e pensado para as persoas.
  • Se está a traballar nunha nova actuación, para a que se buscará financiamento, co obxectivo de crear unha praza que conecte a Capela e a Fonte de San Sebastián, avanzando así cara á humanización completa da zona.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá as obras de humanización que se están a executar na rúa San Sebastián. Acompañado polos concelleiros de Vías e Obras, Ramón Porto, e de Parques e Xardíns, Carlos González, o rexedor comprobou o bo ritmo no que avanzan os traballos, que están a desenvolverse conforme ás condicións establecidas no contrato.

Lorenzo destacou a importancia desta actuación para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza. “Estamos a transformar esta rúa para que pase de ser un espazo deteriorado e inseguro a converterse nun lugar accesible, moderno e funcional, pensado para as persoas e para fomentar a convivencia. Este proxecto reflicte o noso firme compromiso cun modelo de desenvolvemento urbano sostible, que mellore a calidade de vida da veciñanza e poña en valor os espazos públicos.”, sinalou.

A obra, cun orzamento inicial de 537.384 euros e adxudicada por 472.791 euros, supón a primeira fase dun proxecto integral que conecta a rúa San Sebastián coa peonil de San Bieito e co antigo Campo da Feira. Entre as intervencións en marcha destacan a renovación das redes de saneamento e abastecemento, a reorganización do tráfico e do aparcamento, a mellora da iluminación, e a creación dunha nova praza pública con zonas verdes e de lecer.

O alcalde resaltou que a humanización da rúa San Sebastián, principal acceso do Camiño de Santiago ao centro urbano de O Porriño, busca potenciar a mobilidade peonil e mellorar a conexión entre espazos patrimoniais clave. “Esta actuación enmárcase na nosa aposta polo poder socializador do espazo público. Queremos que sexa un lugar de encontro para veciños e peregrinos, que realce o patrimonio e fomente o uso dos espazos públicos“, engadiu Lorenzo.

Ademais, o rexedor destacou que se está a traballar nunha nova actuación, para a que se buscará financiamento, co obxectivo de crear unha praza que conecte a Capela e a Fonte de San Sebastián, avanzando así cara á humanización completa da zona. Este espazo contará con pérgolas vexetais, mobiliario urbano e zonas de descanso. “Seguimos traballando para que O Porriño sexa unha vila inclusiva, con espazos públicos de calidade que promovan a convivencia e a vida en comunidade. O noso obxectivo é construír un Porriño máis humano, sostible e accesible para todos e todas”, afirmou o alcalde. 

As obras, que se iniciaron en setembro de 2024, avanzan ao ritmo previsto e consolidan O Porriño como un referente en políticas de humanización e sustentabilidade urbana, reafirmando o compromiso do Concello coa mellora da calidade de vida da cidadanía. Prevese que os traballos estean finalizados dentro de mes e medio, cumprindo os prazos establecidos.