No Día Mundial da Infancia o Concello do Porriño celebrou unha nova sesión do seu Pleno Infantil. “Traballamos todo o ano para conseguir cambios reais na vida de nenas e nenos, e este día é un momento clave para sumarse a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos e nenas máis vulnerables”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos tomar o pulso dos seus intereses e poñer especialmente o foco no tema da protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia”.
A tal fin, convocouse este novo pleno infantil en cumprimento do compromiso adquirido de conmemorar cada ano o día dos dereitos da infancia, pero tamén, para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual e para impulsar e cumprir cos obxectivos da Axenda 2030, con máis equidade e, sobre todo, con máis oportunidades de prosperidade para todas e todos.
Neste pleno, os e as portavoces de cada un dos centros tiveron a oportunidade de trasmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros e compañeiras nas aulas mediante a exposición de achegas sobre os dereitos da infancia, poñendo o foco na protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia e falaron das súas necesidades e preocupacións, centrándose en como lles está a afectar aos seus dereitos. Entre outras, propuxeron que se habilite un teléfono de atención ao menor, un gabinete de atención aos menores vítimas de violencia e atención psicolóxica, máis seguridade e iluminación nas rúas ou obradoiros para nais e pais.
Tamén estaba na orde do día a recollida de propostas para a realización de actividades durante este Nadal, e aprobouse a iniciativa centrada na recollida de alimentos e produtos de hixiene infantís, unha necesidade que trasladaban dende Asuntos Sociais, para que posteriormente sexan clasificados e repartidos entre as familias con menos recursos do concello e en colaboración co SOS.
O pleno, promovido polas concellerías de Educación e Infancia, que dirixen Carolina González e Rosa Isabel Alonso, a través da OMIX, puido seguirse na web do Concello en directo para facilitar a participación do resto da comunidade educativa e do público en xeral, e está á disposición da veciñanza na mediateca da web municipal xunto co resto de sesións.