A Porriño Fashion Weekend volverá facer da vila do Louro no epicentro galego da moda da man do seu comercio local e da súa hostalería.
O evento arrancará o venres 19 de abril coa Shopping Night, unha noite de comercio aberto para ir de tendas e disfrutar do ambiente nas rúas. Os comercios estarán abertos dende as 21 ata as 24 h con dinamizadoras propostas. Pero a celebración abrangue toda a vila e ademais de sorteos, regalos e moitas outras actividades impulsadas polos comerciantes, haberá Dj´s nas rúas e prazas do centro urbano.
O sábado 20 de abril terá lugar a Fashion Night. O exclusivo desfile dará comezo ás 18:30 h e transformará a rúa peonil nunha pasarela na que mostrarán as súas propostas 31 comercios e 9 salóns de peiteado do Porriño. Roupa, calzado, xoiería, complementos, peiteados, maquillaxe…as últimas tendencias desfilarán aos pés do Concello da man das/os modelos da Escola de Modelos Small Big Models. A encargada de dirixir o evento será a xornalista porriñesa, Raquel Atanes.
A música non podía faltar nesta xornada, polo que a Orquestra América encargarase do Fin de Festa . Será ás 22h na rúa Domingo Bueno.
O Fashion Market poñerá o broche de ouro á fin de semana da moda no Porriño. Será o domingo 21 de abril, na parcela situada na rúa Progreso, onde de 10 a 22 h se instalará o mercadiño, con dj´s e inchables para os máis pequenos desde as 12 h. Ás 12 h sesión vermú coa Turre´s Band e para rematar por todo o alto, ás 19 h arrancará o concerto da Orquestra Panorama.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polas concelleiras Antía Carrera e Rosa Isabel Alonso, e polos establecementos participantes, presentaron a programación convidando a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a sumarse a este evento que “é de todos/as e para todos/as”. Neste sentido o rexedor quixo agradecer “a implicación e ilusión que puxeron os nosos comerciantes, hostaleiros e asociacións á hora de organizar e dar forma a este evento. Facemos equipo e iso é garantía de éxito”.
Lorenzo destacou que “a moda é un importante dinamizador do comercio local e, polo tanto, da economía do Porriño e coa Fashion Weekend pretendemos visibilizalo e poñelo en valor”.