A exposición itinerante “Castelao grafista” segue a percorrer Galicia neste 2025, no que se celebra o Ano Castelao, e O Porriño é a seguinte parada. Así, dende o 13 de febreiro e ata o 19 de marzo, o Centro Cultural Municipal acolle esta mostra do caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

“Estamos moi orgullosos de ter no Porriño esta mostra que reúne unha ampla selección das múltiples facetas de Castelao e convido a toda a veciñanza a que se achegue ao centro cultural e poida contemplar a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia, a exposición “Castelao grafista” pode visitarse, de balde, en horario ininterrompido, de 09.00 a 20.00 horas, de luns a venres.

Unha selección rigorosa de obras ensina o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén os seus recursos plásticos e como culmina a definición da súa linguaxe no encontro entre texto e imaxe. A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así e todo, pódense ver tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar dous manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e tres debuxos.

Cultura por alimentos

De xeito paralelo, e baixo o lema “ilusión compartida” lévase a cabo unha campaña solidaria de doazón de alimentos. Así, a exposición enmárcase en “Cultura por alimentos”, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. Deste xeito, anímase a todas as persoas que visiten a mostra a colaborar doando algún alimento perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.