Cento vinte e seis establecementos, unha cifra que aínda pode medrar un pouco máis, entre locais de hostalería e comercios de proximidade participarán na iniciativa “A Miña Avoa”, un xogo para dinamizar o consumo no Porriño.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza este certame que promove o Concello do Porriño , a través da Concellería de Festexos e co apoio da Concellería de Comercio. Ambos departamentos estiveron representados polos seus respectivos concelleiros responsables, Cami Moreira e Sergio Casal, xunto cos representantes da Asociación de Comerciantes (Acipor), Hostaleiros do Porriño (Ahospor) e Jaoquín Rodríguez, da firma “Especialistas Hípica Celta”, produtora do evento.
Este proxecto consiste na procura dun tesouro, que da protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais, “algo primordial nestes tempos de pandemia e crise que remontaremos co esforzo de todos”, manifestou Cami Moreira.
O xogo consiste en localizar páxinas dun xornal vello polos establecementos da zona, Cada folla do xornal conteñen 3 enigmas distintos. A través deles, a veciñanza ten que adiviñar onde se atopa o tesouro escondido. Poida que se xogue ao engano, pero só na primeira ollada, posto que non é imposible de acertar, segundo explicou o representante da produtora.