O Festival de Cans acollerá a estrea mundial de A historia dun satélite, unha longametraxe dirixida polas irmás Sonia e Miriam Albert-Sobrino, coñecidas como as ‘Also Sisters’. Trátase do filme debut destas irmás xemelgas, filmado na Universidade de Utah -na que agora son docentes- e asesorado por Sterling Van Wagenen, cofundador do Festival de Sundance.
Dende que comezaron a producir as súas primeiras curtametraxes, as Also Sisters viron as súas curtas proxectadas nas pantallas de prestixiosos festivais coma o Festival Internacional de Cinema de Edimburgo, o Festival de Raindance, Cinespaña e tamén no Festival de Cans, no que estiveron dúas veces como participantes a concurso. Sonia e Miriam son o perfil de realizadoras idóneas para o noso certame: debutantes, que dan o salto do mundo da curtametraxe ao da longa e que creceron como profesionais a medida que o fixo tamén o Festival.
Así o indicou esta mañá a presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIV Festival de Cans que tivo lugar na tenda do Rei Zentolo en Santiago de Compostela. O deseño, realizado por Rei Zentolo, baseouse esta ocasión nunha fotografía real da propia organización do festival que reflicte o espírito de cooperación, participación e traballo colaborativo polo que se caracteriza o Festival de Cans.
Na imaxe central, varias persoas están portando un “can de Cans”, rodeados de elementos tan característicos do festival coma o chimpín, a igrexa que se sitúa ao lado do Torreiro ou as estrelas coas que deixan pegada cada ano as personalidades máis destacadas que pasan polo certame.