A Escola Municipal de Música iniciará o curso 23-24 nas que sempre foron as súas instalacións no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno. Así o demandaba a comunidade educativa da Escola dende que, hai tres anos, se reubicou nas aulas do multiusos de Torneiros.
“O multiusos non é un lugar apropiado para a Escola de Música xa que non ofrece as características necesarias para impartir formación musical, non está acondicionado e no inverno as condicións non son boas e ademais, impide que se destine ao seu uso que son os cursos de formación. Por iso urxe que volva ás súas instalacións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
A tal fin, o Concello do Porriño abrirá unha nova aula de estudio na rúa Antonio Palacios que permitirá desaloxar as instalacións que agora ocupa no centro cívico e devolver a escola á súa ubicación orixinal.
Abrirá as súas portas este mes, unha vez adxudicada a xestión da mesma, así como o mantemento da banda de música e do coro, que se atopa na última fase de licitación.
A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é ampla, incluíndo música e movemento para nenas e nenos dende os 4 anos, linguaxe musical para todas as idades e as especialidades de violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, oboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.
Tamén conta con agrupacións como a coral infantil, a coral polifónica, o grupo de música tradicional, a orquestra de corda e a banda.