O Porriño, 6 de xuño de 2025. – A Escola Municipal de Música do Porriño anuncia a apertura do prazo de matrícula para o curso académico 2025/2026. A formalización das inscricións realizarase entre os días 9 e 20 de xuño, no primeiro andar da Escola (Centro Cívico da avenida Domingo Bueno, 13), a partir das 16:00 horas.

A inscrición estará organizada en dúas fases:

Do 9 ao 20 de xuño: matrícula para o alumnado xa inscrito durante o curso 2024/2025.

Do 16 ao 20 de xuño: matrícula para novo alumnado, sempre que haxa prazas dispoñibles.

A Escola recomenda que só acuda unha persoa por estudante para realizar o trámite, e no caso de familias con varios membros, que sexa unha única persoa representante.

A folla de matrícula debe recollerse previamente nas instalacións da Escola e poderá entregarse de dúas maneiras:

– Presencialmente, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h).

– Telematicamente, a través da sede electrónica do Concello.

A listaxe co nome, día e hora do alumnado matriculado publicarase o 1 de setembro de 2025 na EMMUS e tamén na porta do Centro Cultural Municipal (Biblioteca).

A semana do 8 ao 12 de setembro, realizarase a elección de horarios de instrumento, convocando ao alumnado por especialidade e respectando a orde de matrícula. Desde a dirección da Escola insístese na importancia da puntualidade e de levar anotadas varias opcións de horario para facilitar o proceso.

A oferta formativa da Escola inclúe:

  • Música e movemento (a partir dos 4 anos).
  • Linguaxe musical para todas as idades.
  • Especialidades instrumentais como: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.

A Escola Municipal de Música tamén ofrece a posibilidade de participar nas súas agrupacións:

  • Banda de Música
  • Mini Banda do Porriño
  • Orquestra de Corda
  • Grupo de Música Tradicional
  • Conxunto de Guitarras
  • Coral Infantil
  • Coral Polifónica de Adultos/as

As clases do novo curso comezarán o 15 de setembro de 2025 no edificio do Centro Cívico.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse directamente á Escola Municipal de Música ou consultar a web oficial do Concello do Porriño.