A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, informou hoxe que dende o martes 13 ao venres 16 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 h, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.
Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición poderá matricularse a partir das 20 h do xoves 15 e dende as 16 h do venres 16 de setembro.
As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito estarán expostas nas portas do Centro Cultural Municipal e da Escola Municipal de Música dende o luns 5 ao venres 9 de setembro.
Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.
O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 19:20 h do venres 16 de setembro ou a partir do día 19 de setembro de 16:30 a 18:30 h, sempre e cando queden prazas dispoñibles.
A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica a continuación:
- Música e movemento, de 4 a 7 anos de idade.
- Linguaxe musical: nivel elemental e medio (entre outras materias), dende os 8 anos en diante e sen límite de idade.
- Especialidades instrumentais: violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, óboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.
- Agrupacións: banda, orquestra de corda, conxunto de música tradicional e corais de nenas/os e adultas/os.
As clases comezarán o luns 3 de outubro.
ANEXO CO PROTOCOLO PARA REALIZAR A MATRICULA:
- As matrículas realizaranse en intervalos de entre 5 e 10 minutos. Rogamos a máxima puntualidade. Cada estudante ten a súa hora de matrícula e, unha vez pase a súa quenda, non poderá ser atendida/o.
- Preferentemente entrará a formalizar a matrícula unha única persoa por estudante. No caso de familias con varios membros, recomendamos que sexa unha única persoa representante a que formalice a matrícula.
- As persoas responsables de matricular as súas fillas e fillos deberán traer con eles toda a información e documentación necesaria, así como lapis ou bolígrafo para apuntar. Rogamos que leven varias opcións de horarios anotadas para axilizar o proceso da matrícula.
- Non se poderá permanecer na escola máis tempo do indispensable para realizar a matrícula.