O Concello do Porriño instará á Xunta de Galicia para o deseño e execución dun Plan de Vixilancia Ambiental da Actividade Mineira. O acordo, adoptado por unanimidade pola corporación local no pleno municipal de abril celebrado onte, xurdiu a instancias do grupo EU SON que presentou unha moción con esta proposta referida á actividade mineira na parroquia de Budiño. Durante o debate da mesma, engadiuse que o devandito Plan de Vixilancia Ambiental tamén chegue ás explotacións mineiras de Atios, Chenlo e Cans.
Segundo a proposta aprobada, solicitase á Consellería de Medio Ambiente que o plan teña como obxectivo fundamental “non só verificar o cumprimento dos condicionamentos establecidos nas concesións de explotación e de restauración, senón tamén a súa suficiencia para garantir o normal desenvolvemento da vida das persoas en condicións de seguridade e salubridade; e con relación ao medio ambiente, o control dos verquidos, escorrentías e calquera tipo de contaminación das augas.
Por outra banda, aprobouse xerar un suplemento de crédito con remanente de tesourería para aboar, por un lado, 415.000 euros ao Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) e, doutro lado, 6.121 € en sentenzas xudiciais. O acordo acadouse cos votos a favor de PSOE, BNG, EU SON e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP.