A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de rematar a reforma integral da ponte, en A Quinta, na parroquia de Chenlo, que estaba moi deterioradA, o mesmo que a vía municipal, que afundira por mor das choivas e que representaba un perigo para as persoas que transitan por esta zona do Porriño.
Os traballos abrangueron a transformación da base da ponte, que se movera, con módulos prefabricados de formigón, de 2,50 por 2 metros; a colocación dunha varanda de seguridade nos laterais do camiño; a fixación de ‘aletas’ de contención para terras e o acondicionamento e reparación da estrada, que cedera, facendo que a auga filtrase e erosionase tanto o firme coma a base do paso tapando, ademais, as arquetas de drenaxe.
En total o orzamento destinado a esta obra achegouse aos 43.000€ que permitiron recuperar a ponte, garantir a seguridade dos peóns, arranxar a calzada e adiantarse á posibilidade de que puidese producirse outro arrastre de terra e pedras cando chegue o inverno e cheguen as treboadas.