Lourdes Moure, concelleira de Educación informou hoxe ás asociacións de nais e pais de alumnos da vila e aos representantes dos grupos municipais da corporación, dos preparativos para o regreso ás clases. Moure Varela trasladoulles os acordos que se adoptaron o pasado mércores, nunha reunión previa coas direccións dos colexios e institutos porriñeses.
A concelleira lembrou ás “anpas” o compromiso acadado coas direccións dos centros docentes de que o Concello realizará con medios propios unha primeira desinfección intensiva das respectivas instalacións antes do inicio do curso en cada nivel, “aínda que non se trata dunha competencia propia do Concello”, recordou Lourdes Moure.
Tamén Lourdes Moure garantiu ás anpas que trasladará á actual empresa encargada da limpeza dos centros docentes, o establecido pola Xunta de Galicia no protocolo anti-covid que determina dúas quendas de limpeza diarias dos baños e zonas comúns. Esta cobertura será posteriormente asumida pola empresa que resulte gañadora da licitación municipal actualmente en curso para cubrir este servizo.
Por último, a concelleira informou ás “anpas” que segundo acordou cos directores, manteran nos centros os routers e tarxetas de conexión á Internet que o Concello contratou durante o estado de alarma para evitar a fenda dixital entre o alumnado. Agardarase ata comprobar como discorren as primeiras semanas do curso ecolar.
Como novidade acordouse que as “anpas” pasen as súas inquedanzas ás direccións de cada centro para o primeiro día de clases pois a concelleira, xunto cos directores dos centros e a Policía Local prepararán a semana que ven un dispositivo de seguridade para os vindeiros días 10 e 11, cando comezarán Infantil, Primaria e Educación Especial.
Ademais dos representantes das respectivas “anpas”, asistiron ao encontro, celebrado no salón de sesións cos necesarios protocolos anti-covid, as concelleiras Carolina Gónzalez, polo PP; Cami Moreira, polo BNG e Patricia Sío, de EU SON, que próximamente tomará posesión do seu escano na corporación. Disculpou a súa ausencia o concelleiro, Manuel Carrera da UDDL.