Este mércores, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, participou xunto con alumnas e alumnos de ACEESCA, o C.P.R. Santo Tomás e do IES Ribeira do Louro, en dúas actividades que están a desenrolarse dentro do XV Festival de Cans: ‘Cans do Futuro’ e os ‘Roteiros Cinéfilo-Literarios’, con Carlos Meixide.
No primeiro deles as rapazas e rapaces asistiron, da man de Keka Losada, presidenta da Asociación Arela, organizadora do festival, a varias proxeccións no ‘Baixo de Bugarín’. Os estudantes tiveron a oportunidade de ver, es estrea, de parte do ‘making of’ da pasada edición de Cans, a de 2017, ademais de unha das curtas e coñecer, de primeira man, todo o que hai ao redor da montaxe e posta en marcha do festival e das persoas que o fan posible, empezando polas propias veciñas e veciños da parroquia de Cans, pasando polos integrantes da organización, os técnicos, actores, directores, realizadores ou invitados.
Doutra banda, os participantes no Roteiro, estiveron nos lugares mais salientables e coñecidos do festival, empezando polo ‘Torreiro de Cans’ onde están as estrelas dos realizadores e actores que pasaron polo certame- dende a primeira, a do lucense Luís Tosar, ata as deste 2018, que serán as do director, gañador dun Oscar, Fernando Trueba, e da directora Gracia Querejeta-, o Parque do Río ou os baixos de Carlos, Moncho ou Bugarín, a Leira de Alicia-onde se fan os coloquios cos invitados- o Cuberto de Mucha do Peso ou o Jalpón de Alicia, ademais de facer un repaso dos quince anos de historia do Festival polo que cada ano pasan milleiros de persoas.