O Porriño, 27 de xuño de 2025. – O Concello do Porriño inicia hoxe unha nova campaña da súa caravana de atención cidadá, un proxecto que achega os servizos municipais ás parroquias. A primeira parada desta edición celebrouse esta mañá no Centro Cultural de Mosende, onde a veciñanza puido realizar xestións administrativas sen desprazarse ao centro urbano.

A oficina móbil ofrece atención directa en urbanismo, obras públicas, rexistro de documentos, limpeza, saneamento e información xeral, os venres de 9:00 a 13:00 horas.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou que esta iniciativa “constrúe un Concello máis próximo, útil e humano, garantindo que os servizos públicos cheguen a todas as parroquias”.

Calendario de visitas 2025

  • 27 de xuño – Mosende (Centro Cultual)
  • 4 de xullo – Cans (Casa Cultural)
  • 1 de agosto – Atios (Casa Cultural)
  • 22 de agosto – Budiño (A Forna)
  • 29 de agosto – Torneiros (Centro Cultural Alba)
  • 5 de setembro – Pontellas (Casa Cultural)
  • 12 de setembro – Chenlo (Casa Rectoral)
  • 19 de setembro – Carracido (Centro Cultural As Mimosas)

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha administración próxima, participativa e humana, que escoita e dá protagonismo á súa xente. Queremos que O Porriño sexa o teu encontro.